publicidade hoxe

Os bombeiros de Barreiros poñen en marcha, por segundo ano consecutivo, unha campaña solidaria na Mariña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

O Deputado provincial Alfredo Llano; o Xefe Territorial da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, José Manuel Rozas Bello; xunto cos cabos Fernando González e Álvaro Pico, presentaron este xoves unha nova edición das actividades benéficas que organizan no Nadal os profesionais do Parque de Bombeiros de Barreiros, complexo posto en marcha polo Consorcio Provincial que integra Deputación de Lugo e Xunta de Galicia, co obxectivo de axudar a familias con dificultades económicas pertencentes ós 10 Concellos mariñáns nos que prestan cobertura – Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Trabada, Mondoñedo, Lourenzá, Alfoz, O Valadouro e Riotorto-. No acto tamén participaron representantes de Veicar, entidade adxudicataria da xestión indirecta das instalacións contraincendios do Consorcio na zona norte da provincia (Barreiros, Viveiro e Vilalba).

Un maratón de fútbol sala para recadar alimentos. Logo do éxito acadado o pasado ano por esta iniciativa, o día 28 de decembro o pavillón Torques de Marzán, de Foz acollerá unha nova edición do maratón de fútbol sala. Bombeiros dos parques de Barreiros, Viveiro, Vilalba e Lugo, ademais de Gardas Civís, Policías Locais e persoal dos servizos de Protección Civil e do 061 -todos eles de ditos 10 Concellos- participarán nesta iniciativa, formando entre 9 e 12 equipos. Para poder acceder ó pavillón, os asistentes terán que traer algún lote de comida. O recadado entregarase posteriormente ós traballadores dos Servizos Sociais dos dez municipios beneficiados, como mellores coñecedores da situación das familias máis necesitadas, para proceder ó seu reparto.

O día 28 de decembro os encontros celebraranse no pavillón de Foz a partires das 9:00 horas ata as 19:00 horas, aproximadamente, momento no que se celebrará a final do torneo e a posterior entrega de agasallos ós participantes e trofeos ós vencedores.

Comercio solidario

Un ano máis, a colaboración dos establecementos mariñanos será fundamental para o éxito desta iniciativa. Todos os establecementos que desexen participar poderán adquirir as rifas que, ó prezo de 5 euros, darán dereito a participar no sorteo dunha fin de semana nun spa ou unha vaixela de pezas de Sargadelos. A recadación íntegra tamén irá a parar a mans dos traballadores dos Servizos Sociais municipais.

Entrega de xoguetes no Hospital

Un ano máis, os comerciantes da zona tamén cederon ós profesionais do complexo contraincendios barreirense ducias de xoguetes, sendo estes mesmos profesionais os encargados de entregarllos ós nenos ingresados na unidade de pediatría do Hospital da Costa, en Burela, o día 27 de decembro.

ADC Bombeiros da Mariña

Os profesionais deste parque veñen de poñer en marcha unha asociación con fins sociais, ADC Bombeiros da Mariña, para impulsar ó longo de todo o ano actividades benéficas para axudar a persoas en risco de exclusión social da Mariña. Para colaborar con esta asociación, ben neste Nadal ben o resto do ano, todos os que o desexen poden facer o seu donativo no número de conta 0049-1229-5323-90291007 do Banco Santander.

Para contactar con esta asociación poden dirixirse ó enderezo electrónico amarinaadcbombeiros@gmail.com, ou ben ós teléfonos 605-813-374 e 606-808-040.

12 de decembro de 2013 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.