publicidade hoxe

O pleno de Ames abordará a alegación presentada polo PSOE ás ordenanzas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O pleno ordinario do mes de decembro abordará esta tarde por vía de urxencia, ademais dos temas incluídos na orde do día, a alegación presentada ás ordenanzas do Concello de Ames, aprobadas de xeito inicial en outubro. Nesta sesión, abordarase a reclamación presentada polo PSOE de Ames a ditas ordenanzas, que foron aprobadas cos votos a favor da oposición a senllos votos particulares do PSOE e dos exconcelleiros do BNG e que contaban con informes negativos dos servizos económicos. O Executivo lembra que os concelleiros/as da oposición foron informados e advertidos en varias ocasións pola Secretaria e o Interventor na sesión plenaria de outubro da existencia destes informes e da posibilidade de incorrer en responsabilidades ao desoílos.

Por iso, o Goberno amiense considera “ridículo” o paso dado agora polo PSOE de Ames presentando unha alegación na que recoñecen que a introdución nas ordenanzas do umbral de excepción proposto polos exconcelleiros do BNG e aprobado no pleno de outubro non se axusta a Dereito, ao contravir o establecido no artigo 9 do Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, que sinala que non poderán recoñecerse outros beneficios fiscais nos tributos locais que os expresamente previstos nas normas con rango da lei ou os derivados da aplicación dos tratados internacionais.

Na súa alegación, o PSOE admite, deste xeito, que visto que as dez ordenanzas nas que se introduciu esta limitación regulan todas elas impostos, bens e taxas, que teñen natureza tributaria, non procede a inclusión de dito umbral de exención, tal e como xa se lle advertira na sesión plenaria do mes de outubro.

Nos últimos dous meses, o Goberno analizou a actitude dos concelleiros/as da oposición, despois de que no pleno do mes de outubro votaran a favor de modificacións nas ordenanzas pese a que os seus votos particulares contaban con informes negativos dos servizos económicos.

O Goberno amiense levou ao pleno ordinario do mes de outubro a actualización de 15 ordenanzas fiscais e 5 non fiscais de cara a entrada en vigor no vindeiro exercicio fiscal. As modificacións propostas, que foron trasladadas con anterioridade aos membros da oposición e que daban cumprimento ao Plan de Axuste 2012-2022, consistían na incorporación de melloras técnicas e formais na maioría de ditas ordenanzas e na actualización dos prezos segundo o IPC interanual. Algunhas ordenanzas, como a de auga e saneamento, non se actualizaban.

Sobre esta cuestión, o grupo municipal do PSOE e os exconcelleiros do BNG presentaron votos particulares que propoñían a conxelación das ordenanzas e a introdución de exencións. Estes votos foron informados desfavorablemente polos servizos económicos municipais e, aínda así e pese ás advertencias realizadas na sesión plenaria, foron aprobados e introducidos nas ordenanzas cos votos a favor destes concelleiros e dos exconcelleiros do PP.

Informe desfavorable

O informe conxunto de Intervención e Tesourería en relación aos votos particulares aos expedientes de modificación das ordenanzas fiscais e reguladoras de prezos públicos, determinaba que a actualización de ditas ordenanzas supoñía o cumprimento do Plan de Axuste 2012-2022, informado favorablemente polo Ministerio de Hacienda y Administraciones públicas e que ten como principal obxectivo garantir a viabilidade financeira da Corporación durante a vixencia das operacións de endebedamento subscritas ao amparo da primeira fase do plan de pagamento a provedores.

O informe dos servizos económicos advertía expresamente que resultaba pouco prudente introducir modificacións contrarias aos obxectivos do Plan de Axuste cando aínda se está no seu primeiro ano de vixencia, e cando o Concello, se ben apunta cara a unha clara melloría, e semella moverse dentro dos parámetros marcados polo Plan, está aínda lonxe de dar cumprimento aos prazos establecidos nas medidas de loita contra a morosidade das operacións comerciais.

Tanto Intervención como Tesourería alertaban de que ante un eventual incumprimento do Plan de Axuste, o Concello exponse as medidas correctivas e coercitivas previstas nos artigos 25 e 26 da Ley Orgánica de Estabilidad Presupuestaria y Sostenibilidad Financiera. Situados neste escenario, resulta difícil avaliar as consecuencias que poderían derivarse da adopción de acordos contrarios ao Plan.

Por todo isto, a opinión dos técnicos foi necesariamente contraria a calquera acordo que, como o que se propoñía, fose contrario ás medidas previstas no plan como así se advertiu no pleno ordinario.

23 de decembro de 2013 | 18:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.