O Plan de Acción de Terras do Miño garante 4 millóns para impulsar o desenvolvemento de 26 concellos da Reserva
Os 26 municipios que forman parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño recibirán 4 millóns de euros para impulsar o seu desenvolvemento económico e social. A Vicepresidenta Segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, presidiu este xoves a reunión dos órganos de xestión deste espazo protexido na que quedou aprobado definitivamente o Plan de Acción que fará posible este investimento. O proxecto, que entrará en vigor o 1 de xaneiro, contempla 20 accións encamiñadas a conservar o patrimonio natural da Reserva, dotar de servizos e infraestruturas ós veciños para mellorar a súa calidade de vida, e xera riqueza e emprego para fixar poboación.
A Reserva Terras do Miño foi a primeira que a UNESCO declarou en Galicia, no ano 2002. É a máis grande da comunidade autónoma e a segunda de toda a Península Ibérica, cunha extensión de 363.668 hectáreas, o que supón o 39% do territorio da provincia. “Todo un valor engadido que non podemos desaproveitar polas oportunidades económicas e de creación de emprego que ofrece, e tamén polo abano de posibilidades que abre para atallar un dos máis graves problemas que afronta a provincia, o despoboamento demográfico”, indicou Lara Méndez.
En canto ás iniciativas para dinamizar a economía da zona, o Plan de Acción aprobado hoxe ten cinco eixos: a mellora da comercialización dos produtos autóctonos, o apoio a actividades artesanais existentes e a promoción doutras novas; o impulso da agricultura, gandería e xestión forestal sostibles; o turismo verde, de calidade e sostible; e as actividades cinexética e piscícola sostibles.
Polo que respecta á dotación de servizos, o Plan de Acción de Terras do Miño centrarase en acometer melloras no saneamento, depuración e abastecemento de auga dos núcleos rurais; incorporar as novas tecnoloxías, obras de adecuación e mellora de vías e pistas, sinalización e rehabilitación de edificios públicos.
As actuacións de conservación do patrimonio natural farán fincapé nos humidais, os corredores fluviais, bosques autóctonos e húmidos, zonas danadas por actividades extractivas, erosivas ou incendios, e os ecosistemas tradicionais, favorecendo os peches naturais vexetais, camiños tradicionais, sebes, muros ou bancais. Tamén se tomarán medidas para mitigar o efecto invernadoiro e controlar as especies invasoras.
Que fan e quen forma os órganos de xestión
A reunión dos órganos de xestión que tivo lugar hoxe pecha o procedemento para sacar adiante o Plan de Acción de Terras do Miño, iniciado no mes de xullo coa aprobación inicial; logo foi exposto ó publico sen que se presentase ningunha alegación; e este mesmo mes celebráronse mesas sectoriais nas que a Deputación buscou potenciar as achegas dos cidadáns para definir as liñas de actuación.
Os órganos de xestión están formados pola Deputación, que ten a presidencia, os alcaldes dos 26 concellos incluídos na declaración – Ourol, O Valadouro, Muras, Alfoz, Mondoñedo, Abadín, Xermade, Vilalba, A Pastoriza, Riotorto, Guitiriz, Cospeito, Meira, Begonte, Rábade, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Pol, Lugo, Friol, Castroverde, Guntín, O Corgo, Baralla, O Páramo e Láncara-, ademais da Xunta, o Goberno central e 21 organizacións sociais.
Estes colectivos son os seguintes: Revolta Natural de Cospeito; Tecor de Caza de Riotorto; Asociación Medioambiental de Riotorto; Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Asociación Terras de Lugo; Agrupación de Asociacións de Veciños de Lugo (AGRUPALUGO); ADEGA; Sindicato Labrego Galego (SLG); as comunidades de montes en man común de Amorín e Carqueixas (Pol), e de Santo Estevo de Parga e San Xulián de Roca (Guitiriz); xunta local da Asociación Española contra o Cancro de Guitiriz, Asociación Cultural e Medioambiental dos Veciños de San Xulián de Becín (Guitiriz); Asociación Cultural Arricadeira de Riotorto; Asociación Galega de Custodia do Territorio; Asociación Cultural Amigos do Patrimonio de Castroverde; Sociedade Micolóxica Lucus; Asociación de Desenvolvemento Comarcal Terra Chá; Asociación Os Sete Castros; Asociación de Montes e Vales, e Asociación de Desenvolvemento Comarcal da Mariña.