O Concello da Laracha finaliza as obras de ampliación da rede de saneamento en Lendo, Coiro e Soutullo
As obras incluídas no proxecto par ampliar a rede de saneamento aos núcleos de O Retorno (parroquia de Lendo), Coirón (Coiro) e O Igrexario de Soutullo xa están concluídas. No caso de O Retorno, tamén se dotou co abastecemento de auga.
Durante as últimas semanas completouse a instalación de preto de 850 metros lineais de novas tubaxes entre as tres actuacións deseñadas, que se conectaron coa rede de sumidoiros principal do Concello da Laracha. O investimento total alcanzou os 43.000 euros.
A través deste proxecto darase cobertura integral do servizo de saneamento á totalidade das vivendas situadas nestes núcleos de poboación, estimándose que poderán beneficiarse da actuación 120 veciños residentes nos mesmos segundo os datos do padrón municipal de habitantes.
As ampliacións das redes de saneamento e depuración de residuais, así como o aumento na cobertura do abastecemento de auga, son actuacións que no Concello da Laracha se desenvolven con certa frecuencia por ser considerados polo goberno municipal investimentos prioritarios. O obxectivo é mellorar a calidade de vida dos veciños residentes na zona rural, na que existen máis de trescentos núcleos de poboación.