O Ceip Alfredo Brañas e a piscina municipal levan a cabo sendas campañas de recollida de alimentos
A comunidade educativa do CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco e a empresa que xestiona o complexo deportivo da piscina municipal da Laracha e os seus usuarios demostraron durante os últimos días a súa solidariedade coas persoas residentes no Concello da Laracha máis necesitadas.
O centro educativo organizou e desenvolveu nas datas previas ás vacacións de Nadal unha campaña de recollida de alimentos non perecedoiros, na que se volcaron tanto o persoal docente, traballadores do colexio, pais e alumnos.
Piscina municipal
No caso da piscina municipal da Laracha, por iniciativa da empresa concesionaria da xestión do complexo deportivo realizouse outra campaña solidaria de recollida de alimentos na que se convidou a participar a todos os socios e usuarios da instalación.
Así, durante esta semana levouse a cabo unha maratón de actividades de sala e tamén unha clase de aquagym, sendo o único requisito para poder participar doar alimentos non perecedoiros.
Segunda campaña
En ambos casos, CEIP Alfredo Brañas e piscina municipal, é o segundo ano consecutivo no que se poñen en marcha este tipo de iniciativas días antes do Nadal.
Como na edición anterior, todos os alimentos doados foron derivados ao departamento de servizos sociais do Concello da Laracha, que será o encargado da súa distribución entre familias do municipio con baixos recursos económicos.











