Intercambio de ideas para establecer estratexias de futuro na Reserva da Biosfera Terras do Miño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, presidiu a mesa sectorial da Reserva da Biosfera Terras do Miño á que foron invitadas 80 entidades implantadas neste territorio. Ademais dos alcaldes dos 21 Concellos incluídos na Reserva, tamén foron invitados os representantes dos grupos políticos e de asociacións e organizacións sociais e profesionais agrarias, de montes, de turismo rural, ecoloxistas e de defensa do patrimonio, entre outras. Deste xeito, grazas á implicación do organismo lugués, tanto as administracións coma a cidadanía teñen voz na toma de decisións sobre as accións que se leven a cabo nun futuro nestes espazos naturais.

A Deputación organiza esta xuntanza potenciando o intercambio directo de opinións, o aporte de ideas e a posta en común e o consenso respecto ás liñas xerais do Plan de Acción da Reserva. O organismo provincial expuxo publicamente o documento, que non recibiu alegacións, para continuar o trámite de participación coa celebración desta mesa sectorial. Esta reunión forma parte do empeño da institución por fomentar a participación na toma de decisións relacionadas co territorio, buscando involucrar á cidadanía en iniciativas que se baseen nos recursos naturais e na súa conservación para o desenvolvemento económico e a fixación da poboación.

O Órgano Reitor da Reserva da Biosfera Terras do Miño reunirase a vindeira semana para aprobar definitivamente este Plan de Acción que comprende 9 liñas estratéxicas a desenvolver nos vindeiros 10 anos e conta cun orzamento de 4 millóns de euros.

A institución provincial luguesa comezou o pasado ano a traballar na creación do Plan de Acción encamiñado á potenciación daqueles aspectos que se teñen revelado coma oportunidades de desenvolvemento para estes territorios reservados. As accións irán encamiñadas á conservación das tradicións, a potenciación da produción e comercialización dos produtos autóctonos de calidade, o turismo de montaña e a biodiversidade do territorio e o seu estudo.

12 de decembro de 2013 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.