Galicia recibirá unha axuda transitoria de 2.771 millóns, un 83% dos fondos FEDER e FSE

Gamallo na intervención na comisión de COTER
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe en Bruxelas no encontro entre a comisión de Cohesión Territorial do Comité das Rexións (COTER) e a comisión de Desenvolvemento Rexional do Parlamento Europeo, no que se debateu a aplicación do novo paquete de medidas sobre a política de cohesión a partir de 2014.
O director xeral tomou a palabra para amosar a satisfacción da Xunta de Galicia por que a política de cohesión, centrada nunha mellor planificación e unha maior avaliación do impacto das actividades, se converta no mellor instrumento da Unión Europea para estimular o crecemento económico e a creación de emprego, “apoiando a economía real e a innovación, así como afrontando os desafíos da crise demográfica, a dependencia enerxética ou o cambio climático”.
O debate mantido hoxe en Bruxelas prodúcese tres semanas despois da aprobación do paquete de medidas da nova política rexional por parte do Parlamento Europeo e no mesmo día da súa adopción no Consello, que da luz verde á súa entrada en vigor o 1 de xaneiro de 2014. Tal e como destacou Gamallo, agora é o momento de traballar na fase de programación dos novos fondos, para “integrar as novidades da política rexional de acordo ás necesidades galegas e orientadas á consecución dos obxectivos da estratexia Europa 2020”.
O director xeral destacou as novas oportunidades que ofrecen para Galicia os regulamentos 2014–2020 da política de cohesión. En particular, Gamallo referiuse ás iniciativas de Inversión Territorial Integrada e de desenvolvemento local guiado pola comunidade, que permitirán aos axentes subrexionais implicarse activamente na posta en marcha dos programas de financiamento, en colaboración coas autoridades rexionais.
Na reunión conxunta, presidida por Danuta Hübner, presidenta da comisión de Desenvolvemento Rexional do Parlamento Europeo, e polo presidente de COTER, Marek Wozniak, debateuse acerca da aplicación das medidas da futura política de cohesión. En palabras do Comité das Rexións, este desafío pasa por promover os instrumentos financeiros baseados no enfoque territorial e no impacto das actividades, na participación dos entes locais e rexionais na elaboración dos acordos de asociación e na optimización da absorción dos Fondos Estruturais e de Investimento nas cidades e rexións.
Para Galicia, a política rexional da Unión Europea ten suposto o investimento de máis de 18.000 millóns de euros nada nosa comunidade, dende a adhesión de España á UE en 1986. Estes fondos teñen contribuído ao avance cara á converxencia real coa UE e, deste xeito, Galicia pasou de contar cun PIB inferior ao 75 por cento da media comunitaria a situarse no 90 por cento no ano 2010.
A pesar de abandonar o obxectivo de rexión menos desenvolvida, Galicia seguirá recibindo un importante volume de fondos europeos, grazas á axuda transitoria que a Xunta, co apoio da Fundación Galicia Europa, ten reivindicado en Bruxelas durante os últimos anos. Esta rede de seguridade vai permitir a Galicia recibir un mínimo do 60 por cento dos fondos que percibe no actual período 2007-2013, así como outra vantaxes coma optar a unha taxa de co-financiamento dos proxectos do 80 por cento e dispor dun abano máis amplo de prioridades de investimento entre as que elixir para o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Segundo o reparto dos fondos estruturais anunciado polo Goberno central o pasado 26 de setembro, Galicia recibirá 2.771 millóns de euros en concepto de FEDER e Fondo Social Europeo (FSE), o que supón un 83 por cento dos fondos percibidos no período actual.
Por último, o director xeral aproveitou a súa presenza en Bruxelas para asistir no Parlamento Europeo á inauguración da exposición iWay, da fotoxornalista navarra Villar López Vallés. Esta mostra recolle imaxes dos diferentes camiños de Santiago, as súas paisaxes e as súas xentes dende unha perspectiva orixinal e de autor, e pretende ser unha homenaxe á ruta xacobea como símbolo histórico e cultural da identidade europea. A exhibición fotográfica será trasladada á oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas e permanecerá exposta ao público dende comezos do vindeiro ano.
Competencias da Comisión COTER
A comisión de Cohesión Territorial é unha das seis comisións de traballo do Comité das Rexións da Unión Europea. Encárgase da elaboración de proxectos de ditames relativos as políticas de cohesión territorial, económica e social: fondos estruturais, turismo, cooperación interrexional e transfronteiriza, ordenación do territorio, política urbana, transportes e redes transeuropeas de transporte. A Fundación Galicia Europa realiza labores de asesoramento e apoio á participación galega no Comité das Rexións, tanto nas dúas comisión das que é membro a nosa comunidade (CIVEX e COTER), como nas sesións plenarias deste órgano comunitario.











