Celanova acolle os obradoiros de emprego “Camiño de San Rosendo” e “Alta Limia”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCelanovaOurense
A-
A+
Visita do delegado territorial aos obradoiros de Celanova

Visita do delegado territorial aos obradoiros de Celanova

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, acompañado do xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar, José Selas, visitou o obradoiro de emprego que se está a desenvolver na localidade ourensá de Celanova e do que son beneficiarios tamén os concellos de Bande e Verea. Traballo e Benestar destina a esta iniciativa 177.668 euros.

Un total de 20 desempregados destes concellos benefícianse desta iniciativa de emprego como alumnos, e 7 están a traballar como persoal docente e directivo. En concreto, formaranse 5 alumnos en animación socio cultural; 5 en deseño e mantemento de páxinas web; outros 5 no módulo de desenvolvemento turístico e dinamización de servizos; e por último, os cinco alumnos restantes cursarán a disciplina de información e atención cidadá. Martínez destacou que este obradoiro é pioneiro en Galicia porque é o primeiro que se centra totalmente nunha proposta de formación no ámbito do turismo cultural.

Os alumnos e alumnas centrarán as súas prácticas no deseño dun plan de promoción turístico-cultural dos concellos que participan neste programa e na formación dun equipo multidisciplinar para a dinamización turístico-cultural dos tres concellos participantes -Bande, Celanova e Verea- tomando como nexo o camiño de San Rosendo.

Rogelio Martínez amosou a súa satisfacción por poder visitar este obradoiro de emprego que ten “un obxectivo claro, dar formación a persoas desempregadas de cara a que logren reinsertarse laboralmente. “Non podemos esquecer ademais”, engadiu o delegado territorial, “que en total son 27 as persoas que grazas a estes obradoiros, obteñen un posto de traballo durante seis meses, uns formándose e outros formando”.

Alta Limia

De seguido, o delegado territorial da Xunta en Ourense trasladouse ata Sarreaus, onde comprobou o desenvolvemento do obradoiro de emprego posto en marcha o pasado mes de outubro e no que participan 20 desempregados como alumnos de xardinería e actuación forestal, procedentes dos concellos de Sarreaus, Trasmiras e Sandiás. Neste programa mixto de formación e emprego o departamento que dirixe Beatriz Mato inviste preto de 178.000 euros.

Durante os seis meses que durará este programa mixto de formación e emprego os alumnos rehabilitarán no concello de Sandiás as contornas da Casa do Concello, do albergue, do colexio e de San Estevo, ademais de actuar nas áreas recreativas do centro social e da Casa da Cultura –na capitalidade do municipio- e na dos lugares do Souto e Piñeira. As actuacións que se van desenvolver en Trasmiras estarán dirixidas á restauración e mellora da Praza do Concello, do parque Poula da Santa e dos parques públicos de Escornabois, Rabal, Vilaseca, Abavides e Chamusiños; tamén restaurarase o monte O Común e procederase á limpeza e acondicionamento dos camiños de Vila de rei-Castelo, Ribeira e Trasmiras-Vilardelebres. Por último, no concello de Sarreaus os alumnos do obradoiro acondicionarán o monte do Toural e os xardíns da praza do concello, restaurarán a finca da igrexa Rodas e limparán e acondicionarán o camiño Couso-Freixo-Couso.

Un total de 234 persoas desempregadas como alumnos e 67 persoas como persoal docente, administrativo e directivo dun total de 37 concellos participan nos programas mixtos de formación e emprego que acolle a provincia ourensá.

O departamento autonómico que dirixe Beatriz Mato destina aos obradoiros de emprego que se desenvolven en Ourense 2.078.720 euros. “Este esforzo enmárcase na posta firme do Goberno galego pola mellora da empregabilidade das persoas desempregadas en Galicia”, apuntou Rogelio Martínez.

No conxunto da comunidade autónoma, están en marcha un total de 50 obradoiros, que contan cun investimento de preto de 10 millóns de euros e que beneficiarán a 1.300 persoas desempregadas.

9 de decembro de 2013 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.