publicidade hoxe

A Deputación de Lugo mellora as dotacións da zona centro da provincia con 34.000 euros do plan de axudas ao medio rural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos Ramos, supervisou hoxe varias das actuacións levadas a cabo grazas ó Plan de Axudas ó Medio Rural, dotado con 300.000 euros, co que a institución provincial impulsa o sector primario mellorando servizos e infraestruturas no rural. Nesta ocasión, foron tres Concellos da zona centro da provincia -Castroverde, O Corgo e Guntín-, nos que os veciños fonron quen de acometer obras grazas a 18.600 euros dos máis de 34.000 destinados a esta zona da provincia.

Álvaro Santos destacou novamente “a importancia de prestar toda a colaboración posible dende a Deputación, non só ós Concellos, senón tamén directamente ós veciños da provincia, para os que este plan de axudas ó medio rural marca unha gran diferencia no que se refire á dotación de servizos, malia que sexan axudas económicas cuxa contía non supera os 6.000 euros”.

A agrupación veciñal de Santo Estevo da Mota, parroquia de Guntín na que residen máis dun cento de veciños, acometeron o arranxo do seu local social, ubicado na antiga escola, grazas a unha axuda de 6.000 euros coa que a institución provincial subvencionou ó 100% o custe destas obras. No Concello do Corgo foron as agrupacións veciñais de Adai e de San Fiz, parroquias nas que residen unhas 300 persoas que se verán beneficiadas destas obras, as que solicitaron a colaboración da Deputación de Lugo para acometer o arranxo dunha fonte pública no primeiro caso, e a continuación do camiño que une os lugares de Santa Marta a Queizán, no segundo. Finalmente, no Concello de Castroverde, a agrupación de veciños de Furís de Abaixo solicitou a colaboración da Deputación de Lugo para acondicionar o camiño dos Zarros.

Impulso do sector primario

Con esta iniciativa do organismo provincial, os preto de 60 colectivos veciñais e de gandeiros beneficiados obtiveron financiamento para acondicionar vías, locais sociais, áreas recreativas, traídas de auga, fontes, cercados de pastizais, curros para o gando ou depósitos para a extinción de incendios. En moitas ocasións, os destinatarios non poden asumir por si mesmos estas obras, que aínda que de pequena entidade, teñen unha importancia vital para a calidade de vida e o traballo do rural, polo que foi fundamental a aportación do organismo lugués, que concedeu o 100% das contías solicitadas ata un máximo de 6.000 euros.

As actuacións subvencionadas puideron ser realizadas xa no 2012, ou ben a acometer ata o mes de xuño deste 2013. O preto do 50% das obras realizadas foron acondicionamento de vías de comunicación, que facilitan o acceso ás zonas máis rurais. As canalizacións de auga foron outras das obras máis realizadas, supoñendo preto do 20% do total.

Na pasada convocatoria estas axudas supuxeron a realización de 120 obras en núcleos rurais de 47 concellos, dando emprego a unha media de 300 persoas.

18 de decembro de 2013 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.