publicidade hoxe

A Deputación de Lugo formaliza a súa participación na Comisión da candidatura da Ribeira Sacra como patrimonio da Humanidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+
A vicepresidenta durante a reunión

A vicepresidenta durante a reunión

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, participou este luns na reunión de constitución da Comisión de Seguimento do Convenio para o impulso da candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade. Na xuntanza, que se celebrou no Saviñao, acordouse a redacción do regulamento polo que se rexerá a Comisión e definirá a participación de cada un dos membros.

Lara Méndez acudiu á cita, ó non poder facelo o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, que estaba convocado con anterioridade para un pleno no Concello de Lugo, onde exerce como concelleiro. Por parte da Deputación de Ourense acudiu o xerente do INORDE.

Na xuntanza formalizouse a entrada dos representantes do Consorcio Turístico da Ribeira Sacra. Pola mesma, formarán parte da Comisión os alcaldes de Nogueira de Ramuín, César Parente; Monforte de Lemos, Severino Rodríguez; Sober, Luis Fernández Guitián; o concelleiro de Parada do Sil, Ángel Manuel Rodríguez; e o Presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez.

A Comisión acordou reunirse con periodicidade mensual, rotando o lugar da xuntanza entre os Concellos que forman parte da Ribeira Sacra e alternando entre as provincias de Lugo e Ourense. Deste xeito, a próxima reunión terá lugar dentro dun mes en Nogueira de Ramuín. A Presidencia da comisión será tamén rotativa cada ano. Corresponderalle para o 2014 ó Consorcio de Turismo, para o 2015 á Deputación de Lugo e o 2016 á Deputación de Ourense.

A Vicepresidenta Segunda recordou que a intención de Gómez Besteiro é seguir recabando adhesións e sumando apoios. Lara Méndez, salientou que coa entrada dos rexedores “recoñécense as aportacións que os 21 Concellos da zona, como mellores coñecedores da riqueza histórica, etnográfica, cultural e patrimonial do territorio poden facer á candidatura”.

Campaña de sensibilización

A Deputación continuará a busca de novas adhesións a este convenio. Hai unha semana que o organismo provincial enviou o modelo de adhesión a medio milleiro de institucións e colectivos da provincia, entre os que se atopan os 67 Concellos lucenses, ó tempo que o publicou na súa páxina web, www.deputacionlugo.org, para que todas as asociacións e entidades que o desexen poidan sumarse.

Paralelamente, a Deputación de Lugo continuará coa campaña de sensibilización cidadá e recollida de sinaturas. Preto das 7.000 persoas xa asinaron no libro oficial da UNESCO. As persoas interesadas en asinar no libro poden facelo estes días na caseta que a Deputación ten instalada no mercado de Nadal “Merca o teu”, na praza de San Marcos, onde tamén poderán atopar material informativo sobre este territorio.

A Deputación de Lugo aposta pola suma de esforzos para afrontar este reto colectivo, no que ninguén é máis importante que os demais, para lograr a posta en valor deste territorio compartido por Lugo e Ourense, aproveitando esta oportunidade única para crear emprego e impulsar a economía do noso territorio.

30 de decembro de 2013 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.