A Deputación da Coruña asumirá a reparación da rede de saneamento no Ribeiro e o Camiño de Santiago
O presidente da Deputación, Diego Calvo, asinou un convenio de colaboración coa alcaldesa do Concello de Melide, Ánxeles Vázquez, para o financiamento de actuacións relacionadas co saneamento do municipio.
Para este fin, a institución provincial achegará 58.432,25 euros, cos que se cubre o 100% do orzamento previsto para as obras de ampliación da rede de saneamento no Ribeiro, canalizando un total de 147 metros; a mellora da rede no Camiño de Santiago, coa súa completa renovación; e a eliminación da antiga depuradora de Santa María e a posterior reposición do pavimento na zona.
Ánxeles Vázquez agradeceu o esforzo da Deputación para acometer estas actuacións, xa que “non sería posible para o Concello de Melide asumir estas reparacións”. Ademais, a rexedora salientou a importancia deste acordo porque, segundo explicou, “dáse así solución a problemas importantes para o noso municipio”. Deste xeito, a alcaldesa lembrou que con estas actuacións, “salvaremos un problema que leva facendo moito dano á imaxe do Camiño de Santiago na entrada de Melide”.
Nesta zona, ata o de agora, non había separación de pluviais e augas fecais, o que provocaba moitos malos olores e o consecuente malestar para os veciños e para os peregrinos.
Por outro lado, no caso da demolición da depuradora de Santa María, Vázquez destacou que se trata dunha demanda dos veciños “xa que, desde que non se utiliza co saneamento integral de Melide, supoñía un perigo e danaba a imaxe da zona”. No caso da ampliación do Ribeiro, a alcaldesa asegurou que os novos enganches permitirán completar o saneamento de toda a parroquia.











