Unha mostra fotográfica no Arquivo Histórico Provincial de Lugo pón en valor o papel da muller
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon en valor o papel da muller a través da exposición ‘Mulleres século XX. Luces e sombras’, que será inaugurada esta tarde, ás 19:00 horas, no Arquivo Histórico Provincial de Lugo polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.
A exposición amosa un total de 65 fotografías de mulleres que viviron, traballaron e participaron na sociedade lucense, entre os anos 30 e os anos 80 do século XX e acompáñase de textos de autoras como Concepción Arenal, Ofelia Rey Castelao e Serrana Rial García. A través da voz da arquiveira xa desaparecida Olga Gallego Domínguez, a exposición refire as fontes que, para o estudo das mulleres, se custodian nos arquivos.
As fotografías apóianse tamén dunha pequena escolma de documentos custodiados no Arquivo Histórico Provincial de Lugo, que fan referencia a mulleres, tales como expedientes xudiciais, protocolos notariais, libros do rexistro civil, expedientes de asociacións ou libros do servizo social.
A exposición permanecerá aberta na sala de exposicións do arquivo, de luns a venres, de 8:30 a 20:30 horas, ata o día 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora.











