O Sexto Edificio de Pontevedra acolle a exposición de Antón Pulido
O Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acollerá desde o 21 de novembro a exposición de Antón Pulido, que permitirá coñecer a obra máis recente deste autor ourensán afincado nas Rías Baixas, que expón en Galicia tras as súas exhibicións en sitios tan afastados coma Beijing, Taiwan ou Corea. Na inauguración estarán presentes o presidente da Deputación, Rafael Louzán; o conselleiro Jesús Vázquez; o editor Bieito Ledo; e o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero.
Kermesse é a palabra que define esta mostra conformada a base de obras inéditas, creadas cunha linguaxe abstracta completamente actual e contemporánea, e coa cor como protagonista, produto dunha evolución de toda unha vida dedicada á pintura. As kermeses son a representación do bulicio, unha referencia á celebración, unha homenaxe á alegría de vivir, que se traduce en composicións rítmicas e coloristas que, por primeira vez, se amosan no Museo de Pontevedra.
O autor
Antón Pulido, un dos pintores máis importantes de Galicia: forza, prestixio e, sobre todo, xenuinidade, son características básicas para definir este artista ourensán afincado en Vigo, que deixa patente o seu espírito único ó seu paso. Cunha traxectoria ampla xunto a gravadores cataláns, cos que aprendeu o auténtico oficio da artesanía, o artista evoluciona facendo vibrar a todos os que se atreven a contemplar as súas creacións.
Espazos, formas e cores que deixa entrever ó espectador, un misticismo que difunde con obras nas que coida, ata o máis mínimo detalle, nun conxunto amplo no que nada pasa desapercibido, e nas que elementos coma a luz se converten en peza esencial de toda a súa obra artística.











