O edificio administrativo da Xunta inaugura a mostra “Visións” que reúne a obra de 7 fotógrafos lucenses
O edificio administrativo da Xunta de Galicia acolle a exposición Visións, unha mostra colectiva que se abre ao público hoxe por primeira vez e que nace con vocación itinerante, disposta a percorrer os concellos da provincia interesados en recibila.
A mostra está organizada polo Grupo Cinematográfico Fonmiñá e reúne a obra de sete fotógrafos lucenses: Miguel Calvo, Luis Engroba, Fernando Gago, José Manuel Guisasola, Méndez, Eduardo Ochoa e Xosé Manuel Otero.
Cada autor achega tres obras representativas do seu traballo, formando unha colección de 21 fotografías de distintos formatos e estilos, que van dende a sobriedade do branco e negro ata a singularidade cromática da fotografía traballada con medios dixitais.
A exposición foi presentada hoxe polo xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, José Jesús Ramos Ledo, e o presidente de Fonmiñá, Xulio Xiz, contando coa presenza dalgúns dos fotógrafos participantes.
Poderá ser visitada no edificio administrativo ata o día 20 de decembro, de luns a venres entre as nove da mañá e as oito da tarde e os sábados de nove a dúas.











