O Concello e Fario organizan a I Xornada Micolóxica “As setas da Laracha”
O Concello da Laracha e a Sociedade de Pesca e Conservación dos Ríos “Fario” organizan a I xornada micolóxica “As setas da Laracha”, que se vai levar a cabo o sábado día 16 de novembro.
O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e a edil de cultura, Patricia Bello, mantiveron unha reunión no Concello con Suso Vilar, presidente de sociedade Fario, para ultimar os preparativos deste evento.
O obxectivo é iniciar á veciñanza en xeral do municipio sobre aspectos fundamentais relativos á recolección e identificación das diferentes setas que nesta época abundan polo noso termo municipal.
A xornada principiará cunha concentración ás 10.00 horas na praza do Concello. A continuación os participantes desprazaranse ata a zona de Gabenlle, onde se realizará a recollida das setas ata as 12.00 horas.
Xa pola tarde, a partir das 17.00 horas e na Casa da Cultura da Laracha, o experto micólogo Tomás Rodríguez Novoa (socio da S.P.C.R. Fario e membro da Asociación Micolóxica Naturista “Pan de Raposo”) impartirá unha charla que xirará en torno aos aspectos clave para identificar as setas, facendo especial fincapé nas especies máis habituais e que poden atoparse con maior facilidade no Concello da Laracha.
A explicación do ponente complementarase cunha exposición de cogomelos nas propias instalacións da Casa da Cultura, o que permitirá aos asistentes aprender a diferenciar as diferentes clases dun xeito máis sinxelo e efectivo.
O prazo de inscrición na I xornada micolóxica “As setas da Laracha” permanecerá aberto ata o venres día 15 de novembro, a véspera do evento. As persoas interesadas deben anotarse no Concello. A inscrición é gratuíta para todos os públicos. No caso dos nenos, deben ir necesariamente acompañados dun adulto. Os únicos requisitos para poder participar son utilizar unha vestimenta e calzado axeitado e dispoñer dunha navalla e un recipiente para a recollida das setas.











