Entréganse as chaves das 120 vivendas de promoción pública do barrio lucense de Garabolos
O Instituto Galego da Vivenda e Solo entregou hoxe aos seus adxudicatarios as chaves de 120 vivendas de promoción pública construídas por este organismo no barrio de Garabolos, en Lugo, nun acto no que participaron a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, a directora xeral do IGVS, Teresa Gutiérrez, e o xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente, José María López Vega.
A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, incidiu no esforzo que realiza o Goberno galego “por apoiar aos cidadáns para facilitarlles o acceso a unha vivenda, un esforzo que é máis necesario se cabe nun momento como o actual”.
As 120 vivendas entregadas están emprazadas nunha promoción de 172, na que quedan 52 vacantes que segundo manifestou a directora do IGVS “se adxudicarán nas próximas semanas para, unha vez rematados os trámites administrativos pertinentes, proceder á súa entrega aos adxudicatarios”.
A meirande parte das vivendas entregadas hoxe foron adxudicadas en réxime de alugueiro, xa que a normativa que rexe a vivenda de promoción pública establece que se adxudiquen en réxime de alugueiro cando os ingresos familiares ponderados non superen 1,5 veces o Iprem. Polo tanto, en réxime de alugueiro adxudicáronse 90 vivendas, polas que os inquilinos pagarán alugueiros de entre 64,10 e 127,84 euros mensuais, segundo o tamaño das vivendas e os ingresos familiares.
As restantes 30 vivendas adxudicáronse en réxime de compravenda, con prezos que oscilan entre 29.912 e 68.182 euros.
Os prezos, tanto de alugueiro como de venda, son reducidos porque os adxudicatarios benefícianse de redución entre o 30 e o 50 por cento, segundo os seus ingresos, tal como o recordou na súa intervención da Directora Xeral do IGVS, quen dixo que “Coa promoción pública de vivendas a Xunta de Galicia realiza unha forte aposta polo benestar dos cidadáns, aplicando importantes rebaixas nos prezos de venta e tamén nos de alugueiro a todos os adxudicatarios, rebaixas que se establecen en función dos ingresos ponderados e que poden chegar ata o 50 por cento do valor da vivenda, cando se trata de compraventa, ou da mensualidade cando son vivendas adxudicadas en alugueiro”.
As vivendas construídas polo IGVS en Garabolos dispoñen de entre un e catro dormitorios, ademais de cociña, salón, baños, lavadoiro-tendal, praza de garaxe e rocho. A distribución segundo o número de vivendas e a súa superficie media é a seguinte:
Vivenda – Tipo Número de vivendas Superficie útil media (m2)
1 dormitorio 71 50,70
2 dormitorios 75 70,90
3 dormitorios 20 81,70
4 dormitorios 6 89,95
Sete das vivendas de dous dormitorios están adaptadas para o seu uso por parte de persoas con mobilidade reducida.
Memoria construtiva
As vivendas de Garabolos conta coas seguintes calidades, equiparables ás de calquera promoción privada:
• Fachada de panel prefabricado de formigón.
• Carpintería exterior de aluminio anodizado con persianas de aluminio nos dormitorios
• Carpintería interior de taboleiro aglomerado, acabado chapado en madeira de carballo.
• Pavimento de parqué de madeira de carballo en salón e dormitorios.
• Pavimento de gres porcelánico en distribuidores, baños, cociña e lavadoiro.
• Armarios empotrados con portas de taboleiro aglomerado, acabado chapado en madeira de carballo.
• Cociña equipada con mobles baixos e encimeira con vitrocerámica e fregadeiro.
• Dúas caldeiras colectivas de gas natural para produción de auga quente sanitaria e calefacción, con equipo de microcoxeneración.
• Doce ascensores (dous por portal)
• Zonas comúns con pavimento de baldosa de formigón, paramentos de taboleiro Viroc sen acabado superficial, e falsos teitos de escaiola.
O investimento total realizado polo IGVS na construción das 172 vivendas de Garabolos foi de máis de 15 millóns de euros.











