‘Curso de recursos turísticos II’ na Eurocidade
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia convoca o ‘Curso de recursos turísticos II’ que se realizará na Oficina transfronteiriza de información xuvenil da Eurocidade Chaves- Verín, contando coa colaboración de entidades que apoian unha nova liña de actuación de promoción do espírito emprendedor da xuventude, e que programan actividades dirixidas aos mozos e mozas que precisan dunha formación adicional para emprender unha actividade.
Esta actividade está enmarcada dentro do proxecto EUROCIDADE II, aprobado ao abeiro do Programa de Cooperación Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal 2007-2013 (POCTEP), na que son socios a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia, o Instituto Português do Desporto e Juventude, o Concello de Verín e a Câmara Municipal de Chaves.
A finalidade é promover o potencial turístico da Eurocidade II: técnicas de comunicación para explotación dos recursos turísticos na Eurocidade Chaves Verín. Os obxectivos do mesmo son: poñer en valor a evolución do turismo cara un turismo cultural, como oportunidade de desenvolvemento económico para a zona, promover as posibilidades de oferta de produtos turísticos da zona que nestes momentos está a demandar o sector turístico, formar aos participantes en técnicas de comunicación co fin de que poidan transmitir aos visitantes as peculiaridades patrimoniais e culturais dunha zona tan rica e descoñecida como a Eurocidade e o seu radio de influencia; e asesorar aos participantes na creación de posibles empresas turísticas.
Está destinado a mozos e mozas galegos/as e portugueses/as en situación de desemprego ou en proceso de formación con idades comprendidas entre 18 e 30 anos. O número de prazas é dun total de 20, por rigorosa orde de inscrición. O programa abranguerá as seguintes cuestións: Coñecementos básicos e historia de Galicia e norte de Portugal aplicados ao turismo, técnicas de comunicación oral e xestual, o turismo botánico, cultural e enolóxico, problemática a hora de comercializar e crear un produto turístico por axencias receptivas; creación dunha empresa turística e problemáticas de viabilidade, creación e xestión, a riqueza cultural e turística do distrito de Vila Real e na provincia de Ourense, traballo de campo e preparación de rutas turísticas transfronterizas.
Devandito curso terá unha duración de 42 horas (teóricas e prácticas, e desenvolverase entres os días 29 de novembro e o 5 de decembro (en horario de 10 a 14 e 16 a 19 horas) na sede da Eurocidade Chaves-Verín (antigo posto fronteirizo de Feces de Abaixo). É obrigatorio a asistencia para obter o correspondente diploma.
A inscrición deber formularse do 19 ao 27 de novembro de 2013, mediante o seguinte formulario electrónico: http://xuventude.xunta.es/2013022611992/playa-ingles.html (os/as seleccionados/as comunicáraselle a súa admisión por correo electrónico). Máis información en: ofixuvetrans.verin@gmail.com











