A Escola Cooperativa Móbil mostra no campus de Lugo as vantaxes desta fórmula empresarial
A semana do cooperativismo nas universidades galegas, que celebra a Consellería de Traballo e Benestar para difundir esta fórmula empresarial, ten lugar ata o venres no campus de Lugo da USC. A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais acolle a exposición ‘Descobre as cooperativas’ e na de Administración e Dirección de Empresas está instalada a Escola Cooperativa Móbil, unha aula itinerante onde se prevé que arredor de 200 alumnos e alumnas participen nos obradoiros sobre cooperativismo que se están a desenvolver.
Nesta escola, o alumnado pode recibir asesoramento sobre como emprender baixo a fórmula cooperativa. Deste xeito, todos os días teñen lugar obradoiros formativos de curta duración entre as 9,00 e 14,00 horas e as 16,00 e 20,00 horas. Esta aula xa acompañou en 2011 e 2012 ao alumnado galego de ciclos de formación profesional e agora pretende dar a coñecer as vantaxes deste modelo de organización no eido universitario.
Na Facultade de Administración e Dirección de Empresas, ademais, terá lugar mañá a xornada UniversoCoop, na que especialistas e membros de empresas exporán as vantaxes desta fórmula empresarial. As persoas que asistan poderán aprender de primeira man as características máis salientables desde o punto de vista da fiscalidade ou da contabilidade, os pasos que hai que dar para constituír unha cooperativa, ao tempo que poderán escoitar experiencias de estudantes da USC da zona de Lugo que se converteron en cooperativistas.
A semana do cooperativismo na USC enmárcase dentro das actividades da Rede Eusumo promovidas pola Dirección Xeral de Traballo e Economía Social e conta coa colaboración da Universidade de Santiago.











