A Deputación da Coruña porá a disposición dos concellos da provincia preto de 65 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, presentou esta mañá os orzamentos que a institución provincial debaterá no Pleno de mañá e que contan cunha cantidade total de 157.600.560 euros.   

Anunciou, ademais, a inminente aprobación dun novo plan DTC (Unha Deputación para Todos os Concellos) que estará dotado con 18 millóns de euros procedentes dos remanentes de tesourería e que, sumados aos 24,2 millóns de euros do POS e ás cantidades incluídas noutros plans para arranxo e conservación de estradas ou á partida consignada para subvencións, conclúen que  o ano que vén a Deputación da Coruña porá a disposición dos concellos un total de 65 millóns de euros.

Tal e como explicou Calvo, esta cuestión “é moi importante” porque demostra que “cando peor o están pasando os concellos, a Deputación realiza un grandísimo esforzo para axudarlles”. Incidiu, ademais, en que “respectamos a autonomía municipal por riba de todo” e, por iso, explicou que “todos os plans provincias que facemos nacen con criterios obxectivos que dan aos concellos total liberdade para destinar os cartos ás necesidades que consideren máis urxentes”.

Citou como exemplo a novidade deste ano incluída nas bases do POS e que permiten destinar ata o 60% das cantidades asignadas a cada concello tanto a gasto corrente como a amortización anticipada de débeda. Ademais, e sempre para facilitar a xestión e a posta en marcha das obras que as administracións locais inclúan neste plan, xa non será necesario ter a titularidade do ben inmoble ou a estrada na que actuar, pois, explicou Calvo, “bastará con acreditar a súa dispoñibilidade”.  

Primas á cooperación entre concellos

Outra novidade para o próximo ano será que os concellos que entren en proceso de fusión voluntaria ou que comecen proxectos conxuntos ou de cooperación, contarán con vantaxes na convocatoria de subvencións. “Queremos dar un paso máis no apoio e na discriminación positiva cos municipios que tomen a decisión de colaborar. Nesa aposta, seguiremos traballando e ofrecendo vantaxes para eses concellos”, explicou Calvo.

Redución dun millón de euros en gastos de persoal

Durante a explicación das partidas incluídas no orzamento, o presidente provincial matizou que os gastos de persoal suman para o ano 2014 38 millóns de euros, o que supón un descenso de 140.000 euros con respecto ao ano anterior (0,20%) e un peso de 24,26% do presuposto total.

Porén, Diego Calvo explicou que a redución real é de preto dun millón de euros, xa que “o ano pasado non incluíamos nesta partida os 800.000 euros para o Plan de emprego que si se inclúen no orzamento de 2014”.

Esta redución é posible, tal e como indicou o presidente, grazas á reestruturación orgánica da Deputación, a racionalización dos pluses de produtividade dalgúns departamentos e a amortización de postos de traballos que estaban vacantes.

Servizos Sociais

“A nosa aposta no noso primeiro ano na Deputación foi trazar unha liña vermella nos Servizos Sociais, unha área na que non só mantivemos, senón que aumentamos os nosos recursos, pese a ter reducido a cantidade total nun 24% cando chegamos ao goberno. Esa aposta segue viva e vémolo nestes orzamentos”, explicou o presidente.

Así, o orzamento do 2014 inclúe unha partida inicial de máis de 10 millóns de euros para programas de acción social, voluntariado, protección de mulleres, situacións e emerxencia e normalización lingüística. O mandatario provincial recordou que, ao longo do ano, vanse aumentando estas cantidades ao incluír convenios puntuais con entidades sociais sen ánimo de lucro.

Neste senso, lembrou que no ano 2013, dentro da convocatoria ordinaria de subvencións, concedéronse un total de 3,8 millóns a concellos e entidades.

Débeda da institución provincial

En canto a débeda da Deputación, Diego Calvo insistiu en que “o midas por onde o midas e collas os datos que collas, a saúde económica desta institución é a mellor das deputacións galegas” e recordou que, nos primeiros dous anos de goberno, “rebaixamos ata a metade a débeda”.

“Este será o terceiro ano consecutivo no que non acudiremos a ningunha operación de crédito para financiar o noso orzamento e, aínda así, continuamos a reducir a nosa débeda ata niveis inéditos nesta institución”, explicou Calvo, que matizou que o orzamento do próximo ano destina 16 millóns de euros a este concepto.

Deste xeito, a previsión pasa por que a Deputación peche o ano 2014 cun 20% de débeda, máis de 24 puntos menos que en 2011, e continuará reducindo a mesma ata o ano 2016, cando se sitúe en tan so un 10% do orzamento, moi lonxe do máximo permitido por lei que ascende ata o 110%.

“Por tanto, estamos traballando nunha Deputación que non deixa cargas para o futuro”, indicou Calvo.

21 de novembro de 2013 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.