250 lucenses comezan a formación gratuíta sobre profesións de futuro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A Deputación inicia hoxe a formación gratuíta sobre profesións de futuro, como o son a agricultura e a gandeiría ecolóxica, así como o sector forestal, para os 250 lucenses que se inscribiron nas xornadas deste xoves, venres e sábado do Fórmate en Verde, unha das 10 liñas de creación de emprego do organismo provincial. O Deputado provincial José Luis Raposo inaugurou esta mesma tarde a primeira das 6 accións formativas para esta semana.

Fíxoo na Granxa Gayoso Castro onde, durante estes tres vindeiros días, a institución formará gratis a 100 persoas sobre gandeiría ecolóxica, un sector que incrementou o número de vendas dos seus produtos nun 60% nos últimos 5 anos, dando conta das súas oportunidades laborais. Os participantes recibirán asesoramento para mellorar a produtividade das súas explotacións coas seguintes 4 xornadas nas instalacións chairegas: gandería ecolóxica e parasitismo (que tivo lugar hoxe); benestar animal e gandería (mañá, 29 de novembro); manexo de enfermidades en gandería ecolóxica (sábado, 30 de novembro); e gandeiría ecolóxica homeopatía veterinaria (sábado, 30 de novembro).

Sector forestal e agricultura ecolóxica

O sector forestal baseará a xornada formativa gratuíta de mañá, na Casa Habanera de Guitiriz, onde 50 persoas participarán en “As produccións non madereiras do bosque”. A agricultura ecolóxica, sector que pasou de facturar 400.000 euros no ano 2000 en Galicia ós 21 millóns de euros da actualidade, é dicir, incrementou os seus beneficios nun 4.000%, centrará a acción formativa gratuíta do sábado, 30 de novembro, que terá lugar no edificio sindical de Chantada. As 100 persoas, que xa formularon a súa solicitude para este curso, coñecerán os últimos sistemas da produción de setas, como acadar a súa certificación, así como incrementar a súa comercialización, coa xornada “Micoloxía e Micorrización”.

A Deputación mantén aberto en www.deputacionlugo.org o prazo de inscrición para as vindeiras 4 accións formativas do Fórmate en Verde. En total, con esta liña de creación de emprego da Deputación, máis de 1.400 persoas recibirán formación gratuíta sobre profesións de futuro.

28 de novembro de 2013 | 13:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.