Recoñecemento á traxectoria de Casa Juanito e Ultramarinos Aceiteiro na “Semana do teu comercio” en Melide

Entrega de diploma a Casa Juanito de Melide
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, distinguiu en Melide a traxectoria dos establecementos comerciais Casa Juanito e Ultramarinos Aceiteiro, no marco da campaña “A semana do teu comercio: unha semana, un comercio, unha historia”, da que esta semana é protagonista o Centro Comercial Aberto Asetem.
Esta iniciativa, que a Consellería de Economía e Industria achega aos cidadáns a través do enderezo electrónico portaldocomerciante.blogspot.com.es, busca resaltar o comercio de proximidade e o labor dos centros comerciais na súa dinamización, así como distinguir os establecementos de maior traxectoria de cada CCA, que souberon adaptarse ao paso do tempo grazas á calidade, a proximidade e a innovación que os caracterizan.
Este é o caso de Casa Juanito, un establecemento que abriu as súas portas en 1910, e polo que xa pasaron catro xeracións e que segue a conservar a súa localización orixinal, e Ultramarinos Aceiteiro, que ten a súa orixe en 1898, cando o bisavó do actual rexedor do comercio abriu o seu primeiro negocio, unha taberna na que pronto se comezaron a vender produtos como aceite, viño, pan, ou carburo.
Coa campaña “A semana do teu comercio”, a Consellería reafirma o seu compromiso co comercio galego como sector clave para a reactivación económica das vilas e cidades galegas. Neste sentido, a Consellería de Economía e Industria vén de conceder apoios por preto de 2 millóns de euros para o impulso de accións de dinamización do comercio de proximidade nos CCA e nas asociacións das prazas de abastos, sendo o Centro Comercial Aberto de Melide un dos beneficiarios, con máis de 22.000 euros. No acto, Sol Vázquez subliñou a importante labor do CCA, que iniciou a súa actividade co obxectivo de poder ofrecer un valor engadido tanto aos seus asociados como aos clientes.
A Consellería de Economía e Industria suma preto de 3,5 millóns de euros destinados no que levamos de ano ao impulso do asociacionismo comercial como un dos eixos da estratexia integral de apoio ao comercio de proximidade. Así, ademais do programa para CCA e asociacións de prazas de abastos, veñen de resolverse axudas por máis dun millón de euros para federacións de comerciantes e asociacións de ámbito supramunicipal, e está en marcha un acordo de colaboración coa Federación Galega de Comercio.











