Parroquia, funerarias e cidadanía de Carballo comprométense con “Galeg@s para sempre” para poder ser lembrados en galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal Portada
A-
A+

O Salón de Plenos do Concello de Carballo vén de acoller o mércores 30 de outubro, en vésperas do día de Todos os Santos, un acto para visibilizar que a nosa lingua propia, o galego, de uso maioritario nas relacións persoais en vida, tamén pode servir para sermos lembrados despois da morte, para que, despois do noso pasamento, non quede borrado, invisibilizado, esquecido. Deste xeito, diversas persoas a nivel individual asinaron a declaración Galeg@ para sempre, coa que se recoñece a lingua como factor principal da galeguidade e coa que as persoas asinantes declaran que a lingua galega é a súa lingua propia, que se senten identificadas con ela e a que queren que se use para seren lembradas. Ademais, no acto público manifestáronse os compromisos adquiridos pola parroquia carballesa e polas cinco funerarias que operan no municipio (San Antonio, Santa Marta, Bergantiños, San José e A Milagrosa), mediante os cales se comprometen a preguntarlles a familiares ou persoas achegadas, en cada caso, que lingua queren que se use na lápida, recordatorio, necrolóxica, flores, actos, etc. En nome das funerarias leu a declaración Roberto Carlos Vasco, de Tanatorio Bergantiños.

O acto tamén serviu como adhesión simbólica do Concello á declaración do Día da restauración da memoria lingüística, promovida pola Asociación de Funcionarios/as para a Normalización Lingüística. Esta declaración vén de ser aprobada e asinada recentemente en San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela, por todas as organizacións políticas galegas (BNG, PP, PSdeG, Anova, Compromiso por Galicia e Esquerda Unida). No nome da Asociación de Funcionarios/as para a Normalización Lingüística falou Xaquín Monteagudo, que reflexionou sobre a “carreira de obstáculos” que ten que vivir o idioma en moitos ámbitos, e especialmente no dos pasamentos. Así, na actualidade, a presenza do galego despois da morte é moito inferior que na vida. Quen visite un cemiterio do noso país podería pensar que o galego non existe, pois alí a súa presenza é practicamente nula. Mentres nas “parroquias d@s viv@s” a maioría da xente se relaciona en lingua galega, só unha de cada mil lápidas das “parroquias d@s mort@s”, dos cemiterios está en galego, e tan só un 2 por cento das notas necrolóxicas dos xornais.

Por tanto, o obxectivo deste acto promovido polo concello carballés é fomentar o galego nas cuestións relacionadas coa morte, visibilizando a lingua como factor principal da galeguidade e procurando que persoas que con frecuencia usan, viven, queren e/ou se identifican coa lingua galega, poidan ser lembradas en galego despois do seu pasamento. Deste xeito, cómpre dar pasos para que, tamén despois da morte, o maior patrimonio común de todas as galegas e galegos, teña presenza, sexa visible, exista. Dar pasos para que, quen en vida usou o galego, sexa lembrado/a nesta lingua. Dar pasos para podermos ser galeg@s para sempre. Os interesados e interesadas poden descargar o texto ao completo da declaración realizada pola parroquia e do compromiso subscrito polas funerarias en sendos documentos en pdf nesta mesma nova.

31 de outubro de 2013 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.