O Pazo de Liñares contará cunha horta ornamental e un xardín naturalizado que se realizará dentro do obradoiro de emprego “Agrolalín”
“Agrolalín”, oitavo obradoiro de emprego promovido polo Concello de Lalín que se vén de poñer en marcha o 15 de outubro – e que se desenvolverá ata abril de 2014- e no que participan 20 alumnos, posibilitará o acondicionamento do entorno do Pazo de Liñares, este monumento BIC que, casa natal do pioneiro da aviación e Fillo Ilustre de Lalín, Joaquín Loriga, foi denominado por Emilia Pardo Bazán, asidua visitante, como “Palacio del Recuerdo”.
Estas obras de urbanización de Liñares inclúen a mellora e acondicionamento dos preto de 35 metros que separan a entrada dianteira da porta do Pazo na que se construirá unha senda irregular en pedra acorde co entorno do edificio e de arredor de dous metros de ancho e o tratamento paisaxístico no xardín dianteiro (1.800 metros cadrados). Ademais construirase unha senda perimetral en pedra aorredor do edificio que servirá como camiño para comunicar os distintos edificios do Pazo pero tamén para que a auga que cae do tellado non salpique o zócalo do edificio.
Na parte traseira, procederase á reconstrucción do lavadoiro e do estanque e o deseño dunha horta ornamental nos preto de 6000 metros cadrados dos que dispón e nos que se prantarán especies hortícolas de consumo dispostas en manchas de distintas especies para crear un entorno ornamental. Ademais, a división de construcción do obradoiro, acometerá a limpeza e conservación dos balados de pedra que rodean e pechan o Pazo.
Entre os traballos que acometerá o obradoiro destaca a rexeneración e recuperación das árbores que medran no interior do recinto e que van dende froiteiras –maceiras e pereiras -, árbores ornamentais, unha moi antiga oliveira ou os dous exemplares espectaculares da entrada, un magnolio e o que semella ser unha pseudosuga -outras fontes falan dunha falsa secuoia-. Ambos exemplares, pese ao seu porte e alto fuste, non superan o século e medio de vida xa que non saen retratados en fotografías de mediados do XIX.
Os alumnos traballadores continuarán algúns traballos de recuperación nalgunha das árbores que a empresa adxudicataria xa iniciou para curar a algún dos exemplares que estaban inzados de termitas.
Deste xeito, xunto co programa Depodeza, mediante o que se creará no Pazo o Centro de Xestión e Coñecemento Arqueolóxico -autorizado por Patrimonio, tan só pendente da Secretaría Xeral de Urbanismo-; a dotación de mobiliario que se vén de facer para a zona de entrada e salas dedicadas á exposición temporal (dotación xa contemplada no proxecto inicial) e este obradoiro “Agrolalín” esta casa solariega da estirpe dos Taboada que agora é patrimonio municipal quedará perfectamente preparada e avanzarase na súa posta en valor, facendo gran esforzo o Concello na actual conxuntura.
LIÑARES, UN VERXEL
Con “Agrolalín” preténdese que este BIC se converta nun punto de atracción turística do Concello, e de aí que se propoña un deseño dunha horta ornamental, como no seu día dispuxo. Segundo describe o estudoso Francisco Rubia Alejos en “El Palacio señorial de Liñares en las últimas centurias”, publicado no nº 6 de Descubrindo, Liñares era un “verdadeiro verxel”.
Explica Rubia que “o camiño de baixada ao Pazo estaba flanqueado por carballos de gran porte que finaliza nunha pequena plazoleta empedrada fronte ao portalón, onde se conserva unha fonte coa inscrición BBYBT”.
“Traspasado o portalón de entrada (no que en 1888 había unha parra), que era de madeira maciza, accedíase ao xardín, deixando atrás dos eucaliptos xigantescos que flanqueaban a entrada e un corpulento piñeiro doncel, chamado do portal”, describe.
Sobre o xardín, describe que se extendía dando fronte ao edificio que se accedía por un camiño delimitado por setos de buxos que levaba ata a porta principal do Pazo. Entre as árbores ornamentais que había estaban: cipreses, magnolios e camelios e concreta que “de Madrid soían mandar sementes e púas de enxerto para Liñares e Cambados”.
Dalias, xeranios, nardos, gladiolos, begonias, lilas, malvas reais, claveis chinos, daturas, rododrendos, alhelíes, pensamentos, zinias, berdolaga, xazmíns, reseda, estragon, periotas, hortensias, valerianas, rosais de pe, enredaderas. Toda esta ristra de plantas ornamentais dábanse no xardín de Liñares.
No xardín había unha fonte na que nos “invernos crus era frecuente a formación de largos carámbanos de xeo pendentes dos tres canos altos; nas súas proximidades había un sauce chorón e unha mimosa.
Na horta as árbores frutais eran moi abundantes. Había pereiras, maceiras (facíase sidra embotellada), cerdeiras, guindos, pavías, ciruelos, vides -había parras no xardín, estrada nova e as de debaixo da galería (1885)-, figueiras, limoneiros e laranxos.
Pola parte de atrás, había unha moreira. Tamén se dispuña de castañas para consumo e venta; venta de corteza de carballo; recollida de herba seca nas proximidades da casa e do prado e venta de leña; venta de gran, patacas e forraxe.
REFERENTE AVANZADO DO AGRO EN DEZA
Na horta cultivábase berenxenas, alcachofas, espárrago -posiblemente ne Liñares foise pioneira na Galicia interior na plantación de espárragos-, coliflores, repolos, pepinos, puerros, chirivías, melóns, calabazas, cenouras, lechugas, chícharos, ceboletas, chalotas, pementos, lentellas, remolachas, xudías, lombrada, repolo, pepinos, berenxenas, brócoli, chirivías, patacas, alpiste de semente, fresas, espliego, espinacas, tirabeques, fabas, liño e centeno “converténdose Liñares, polas técnicas adiantadas para entón e na variedade de cultivo, nun referente avanzado do agro en Deza”, relata Francisco Rubia.











