O Museo de Pontevedra inicia o día 26 un ciclo de cine con curtametraxes en galego para nenos
O Museo de Pontevedra acollerá, desde o vindeiro sábado 26 de outubro, ás 17:00 horas, o Ciclo de cine infantil 2013-2014, que organizan a Deputación de Pontevedra, a ANPA Joaquín Costa do CEIP Álvarez Limeses, o Cine Club Pontevedra e o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI). O ciclo foi presentado hoxe na Deputación pola deputada Ana Isabel Vázquez e os presidentes da ANPA actual, Rogelio Carballo, e da anterior, Xan Pérez.
Todas as proxeccións serán no Auditorio do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra; terán lugar, de outubro a marzo, os sábados 26 de outubro, 16 de novembro, 14 de decembro, 18 de xaneiro, 15 de febreiro e 15 de marzo; as proxeccións comezarán ás 17:00 horas e as entradas, gratuítas, poderán recollerse no propio Museo.
O ciclo pretende apoiar a cinematografía galega, as súas curtametraxes e o sector audiovisual, así como promover o aprecio da cultura galega e do propio Museo de Pontevedra como espazo de cultura, ocio e creatividade.
O ciclo iniciouse o ano pasado, e este ano, en vista do éxito obtido, decidiuse facer unha proxección de películas galegas sen percorrido comercial, unha vez ó mes, nunha pantalla grande, para afeccionar os máis novos e propiciar un público familiar. “Queremos que sexan sábados de cine familiar”, destacou Xan Pérez, que manifestou o interese da ANPA Álvarez Limeses e da Deputación en abrir o ciclo a outros colexios e ámbitos extraescolares de Pontevedra “ata conseguir que sexa todo un acontecemento anual”.
O obxectivo destas actividades, así como doutras organizadas polo Museo de Pontevedra coma obradoiros ou concertos, é abrir o espazo a pequenos e maiores, facendo que se interesen pola temática galega que se aborda nos filmes e buscando espertar nos máis cativos o interese pola cultura e o Museo.
Este ciclo preséntase como unha alternativa de consumo e ofrece un espazo de aprendizaxe e de reflexión sobre a cultura cinematográfica, onde o ocio e a aprendizaxe van collidos da man. Son películas con valores que van máis alá da diversión e que contribúen á educación dos nenos e nenas, promovendo valores coma os da convivencia, a solidariedade, a liberdade, a defensa do medio ou a cultura da paz. A través de actividades educativas coma esta preténdese incentivar un consumo das imaxes no que se adquiran coñecementos que permitan desenvolver e potenciar unha actitude crítica respecto ó mundo que nos rodea.











