O FIOT de Carballo outorga o Xograr de Outono 2013 a Xosé Manuel Olveira ‘Pico’ a título póstumo
O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) outorga nesta edición o Xograr de Outono a título póstumo a Xosé Manuel Olveira “Pico” (primeiro pola dereita na imaxe cos seus compañeiros en “O Florido Pénsil”, no FIOT en 2011). O falecemento do actor en xuño pasado aos 58 anos causou gran conmoción no sector audiovisual e teatral. O acto de entrega está previsto para o sábado 26 de outubro, como vén sendo habitual, antes do inicio da función de sala correspondente, neste caso a de Teatro do Aquí (21.00 horas), compañía do dramaturgo Roberto Vidal Bolaño, primeiro Xograr de Outono do FIOT en 2002. Por terceira vez, o xurado do Xograr de Outono, formado pola organización do FIOT e os anteriores premiados, decidiu outorgar o galardón a título póstumo. O premio serve como homenaxe e recoñecemento profesional a un dos actores máis importantes e esenciais do teatro e do audiovisual galego, ademais dun rostro coñecido polo gran público. O seu nome xa estivo entre as propostas finais doutras edicións e é agora cando a súa familia recibirá este título no seu nome. En 2002, o premio Xograr de Outono concedeuse por primeira vez a Roberto Vidal Bolaño, un dos dramaturgos máis importantes da literatura galega, e o ano pasado, a Alberto Gende, deseñador e creativo carballés que durante case dúas décadas foi o autor da imaxe do FIOT. En ambos casos, meses despois do seu pasamento. Xosé Manuel Olveira ‘Pico’ (Muros, 1955 – Santiago, 13 de xuño de 2013) actuou en varias ocasións no marco do FIOT. A última en 2011, con “O Florido Pénsil; e antes, con “Noite de reis”, do Centro Dramático Galego, Premio do Público ese mesmo 2007, entre outras. O actor tamén estivo presente en numerosos eventos da programación cultural do Concello de Carballo. Na súa faceta de actor teatral, que iniciou en 1972, foi protagonista de obras tan diversas como a adaptación de “Doentes” de Roberto Vidal Bolaño que dirixiu Gustavo Balza, ou o “Ricardo III” do Centro Dramático Galego. Tamén deixou tras de si unha longa traxectoria en cine e televisión. Participou como actor nalgunha das series de televisión máis exitosas de Galicia. Entrou nos fogares de miles de galegos en 1998, da man de Don Amancio, o párroco de Portozás, en “Mareas Vivas”. Anos despois, acompañou a Ernesto Chao nas mil e unha aventuras da serie “Pratos Combinados”. Tamén interpretou ao Bispo en “Padre Casares” e un dos seus últimos papeis foi na serie “Matalobos”, onde daba vida a un xuíz. No panorama nacional participou en episodios de “Hospital Centra”l, “Cuéntame cómo pasó” ou “Piratas”. Na súa faceta humorística, que tamén marcou boa parte da súa carreira, colaborou en espazos como “Air Galicia”.
No cine debutou da man de Chano Piñeiro en “Eu, o tolo”, que contaría máis tarde con el para a súa película máis importante, “Sempre Xonxa”. Ao longo da súa carreira apareceu en máis de trinta curtametraxes e películas. Entre estas últimas, “A lingua das bolboretas” (1999), de José Luis Cuerda; “Cuando vuelvas a mi lado” (1999), de Gracia Querejeta; “O lapis do carpinteiro” (2002), de Antón Reixa; “Mar Adentro” (2004), de Alejandro Amenábar; ou “Celda 211” (2009), de Daniel Monzón. Un dos seus últimos traballos foi “Somos xente honrada”, do galego Alejandro Marzoa. Durante a súa intensa traxectoria, Xosé Manuel Olveira foi recoñecido en numerosas ocasións con galardóns ao seu traballo, aos que agora se suma, a título póstumo, o Xograr de Outono 2013. En concreto, recibiu en catro ocasións premios María Casares, así como o Maruxa Villanueva de Teatro no ano 2009. Entre 2009 e 2011 desempeñou tamén o cargo de presidente da Academia Galega do Audiovisual.











