publicidade hoxe

Elíxense as propostas finalistas do concurso de ideas para remodelar a praza do Concello de Sober

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, presidiu hoxe a reunión do xurado para o concurso de ideas que se convocou en base a un convenio co Colexio de Arquitectos de Galicia para a selección dunha proposta para a remodelación da Praza do Concello e a súa contorna.

Amais do alcalde, participaron como xurado a enxeñeira María Luisa Menéndez Miramontes, a xefa de obras da Secretaría Xeral de Urbanismo, Elena Parajó Calvo, o presidente do Colexio de Arquitectos de Lugo, Raúl Veiga, o arquitecto, Juan Creus (elixido polos concursantes), e a secretaria municipal do Goberno local.

Na reunión, que se prolongou desde as dez da mañá e ata pasadas as cinco da tarde, valoráronse un total de 39 propostas chegadas de todo o Estado. Finalmente, o xurado acordou designar a tres finalistas que contarán cun mes desde que lles comuniquen a decisión para presentar un anteproxecto que desenvolva cada unha das ideas.

Finalistas:

Sombra de Marister Failde Ferreiro e Belinda Besada Vergara.

Espacio soberino de Jorge García Anta e Fernando Aeiroá Lorenzo e Francisco Javier Barral Fernández.

As catro estacións de Juan Ramón Sánchez Pernas.

Tamén se acordou conceder un accésit a Combínalo como quieras de Luciano González Domínguez.

Dos tres finalistas valorouse de xeito especial que o primeiro deles inserta o concepto de viñedo na proposta; o segundo propón un novo edificio e o terceiro presenta unha orde xeométrica lóxica. O xurado destacou tamén a calidade media-alta de todas as ideas que se presentaron. O gañador terá que desenvolver o proxecto que se levará a cabo unha vez o Concello consiga os fondos precisos.

Plan de futuro

O alcalde, Luis Fernández Guitián, explica que o que se pretende é ter un plan de futuro para a Praza do Concello, “un verdadeiro plan director que perdure no tempo, tendo en conta que a capital municipal é das poucas vilas capital de Concello que non ten unha estrada de paso”.

Inicialmente o Concello non destina contía algunha a esta actuación, senón que se irá facendo o investimento en función dos recursos que se consigan da Xunta de Galicia ou doutras administracións.

Guitián destaca que se trata “dun concurso pioneiro nun concello pequeno como o de Sober”, polo que aposta por ter unha idea clara do proxecto a levar a cabo antes de comezar a pedir as axudas. Unha vez se vaia acadando o orzamento a previsión é a de facer as obras por fases.

23 de outubro de 2013 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.