A mostra Terra e Papel que acolle a Capela de Santa María converte os libros en arte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, e o artista Fonso Castro presentaron este mércores a mostra Terra e Papel que acollerá a Capela de Santa María. A exposición reúne 20 creacións que teñen o libro Cantares Gallegos de Rosalía de Castro como inspiración e nas que o autor emprega técnicas diversas.

Regina Polín salientou a revisión que nesta mostra fai Fonso Castro do clásico da cultura galega Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro así como dos libros en xeral como obxectos. A Deputada destacou que nas pezas expostas obsérvase unha evolución do libro clásico a un libro convertido en arte e salientou que “dende a institución provincial, damos deste xeito a oportunidade a novos artistas que queren dar a coñecer a súa obra, e ofrécennos a súa visión da cultura na actualidade”. Pola súa banda, o artista agradeceu a oportunidade que supón expoñer e amosar ó público as súas creacións nun espazo como a Capela de Santa María.

A exposición denomínase Terra e Papel pola vinculación dos poemas de Rosalía de Castro coa terra e tamén porque en moitas das creacións emprégase o barro. O autor utiliza tamén o poliéster, a madeira ou o papel nas súas pezas. Entre as creacións que se expoñen destacan murais con libros de barro impresos, unha escultura de madeira de castiñeiro con papel impreso polimerizado ou o que o autor denomina “libro de artista”, instalacións elaboradas con exemplares do libro Cantares Gallegos e que se sitúan en maletas nas que se empregan ademais madeira ou barro.

A mostra Terra e papel permanecerá aberta en horario de luns a venres de 10:30 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas. As fines de semana o horario é de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas. Inaugúrase este xoves ás 20:00 horas e poderase visitar de xeito gratuíto ata o vindeiro 30 de novembro.

2 de outubro de 2013 | 13:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.