1.1000 desempregados do municipio lucense participan en accións formativas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A delegada territorial, Raquel Arias, comunicou hoxe que a Consellería de Traballo e Benestar inviste 4,6 millóns de euros en accións formativas para persoas desempregadas no concello de Lugo. A delegada inaugurou o obradoiro de emprego Lucus Urbs, que financia a Xunta de Galicia con 213.202 euros e que durante o próximo medio ano proporciona formación práctica e un contrato de traballo a 24 alumnos traballadores. Conta ademais con cinco membros no cadro de persoal (monitores, persoal directivo e de administración).

Arias subliñou o esforzo inversor que realiza a Xunta de Galicia nas políticas activas de emprego, destacando en particular os 4,4 millóns de euros que se destinan este ano no municipio de Lugo ás accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas, coñecidos como cursos AFD.

Así, indicou que a Consellería de Traballo e Benestar ofrece 1.100 en 73 cursos de distintas especialidades que se realizan no concello de Lugo, “ben a través do Centro de Formación Profesional Ocupacional que xestiona directamente a consellería ou ben en colaboración con outros organismos, entidades e empresas”, explicou Arias.

Igualmente, a delegada lembrou que no eido do emprego “xogan tamén un importante papel os Programas de Cooperación, a través dos cales a Consellería axuda aos concellos a contratar a persoas desempregadas para levar a cabo distintas obras e servizos”. No caso do concello de Lugo foi posible contratar a 16 traballadores e traballadoras consignando un orzamento de máis de 118.000 euros a través desta iniciativa.

Obras e servizos de interese social

O obradoiro de emprego que hoxe se inicia no municipio de Lugo ofrecerá formación sobre xestión e dixitalización de documentos, e os alumnos traballarán na dixitalización e posta en valor de fondos documentais de urbanismo do concello.

Ao respecto, a delegada territorial puxo de relevo o dobre papel que cumpren estes proxectos formativos, “por un lado mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas, e por outro, realizar obras ou prestar servizos de utilidade pública ou interese social”.

Arias informou de que estes días están a comezar nove iniciativas nas que participan preto de 200 alumnos traballadores de 21 concellos da provincia. “Con estes novos proxectos
–engadiu-, son 17 os obradoiros de emprego que se realizan este ano na provincia, sumando un investimento de case 3,5 millóns de euros e arredor de 400 persoas desempregadas incorporadas a estes programas”.
 

31 de outubro de 2013 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.