Os traballos do Centro de Activación do Patrimonio nas Torres de Oeste atópanse na fase final

Vista exterior das instalacións
As obras no Centro de Activación do Patrimonio de Catoira están a piques de concluírse. Tras uns meses de inactividade, motivada pola execución dun ERE na empresa adxudicataria, os traballos retomáronse este verán para rematar as actuacións que quedaran pendentes.
Os operarios están instalando a carpintaría metálica, os pavimentos interiores, os aseos e o sistema de iluminación e climatización. Tamén se acometeron obras de acondicionamento no exterior, coa colocación dunha pasarela pavimentada con pedra na entrada principal do edificio e un cerramento cun banco corrido de pedra na fachada da ponte.
As fachadas do centro contan cun revestimento de madeira de grapia, de alta resistencia á intemperie. As táboas, ademais, foron tratadas para protexelas contra incendios. Esta mesma madeira foi utilizada para o revestimento dos aseos públicos que se construíron baixo a ponte, a carón das Torres, e para a construción de cinco cubos que albergan colectores de lixo, minimizando o seu impacto visual.
Na pérgola de acceso ó recinto instalouse iluminación, así como no conxunto monumental das Torres, onde tamén se colocou unha nova mesa con asentos de pedra. O acondicionamento paisaxístico da zona completouse coa plantación de arbustos e enredadeiras ó longo da pérgola, o saneamento do arboredo que existe dentro do recinto, e a plantación dalgunha especie máis.
Co fin de evitar un mal uso das novas edificacións e do mobiliario, está previsto instalar un sistema de vídeo vixilancia, tanto no Centro coma nas inmediacións dos aseos.











