O Arquivo da Deputación de Pontevedra recolle a Mostra de Manuel Ventura Figueroa
O Arquivo da Deputación inaugurará o vindeiro sábado 14, ás 12:00 horas, a exposición do fondo documental de Manuel Ventura Figueroa e da fundación que leva o seu nome; unha mostra á que achegarse para coñecer o legado deste ilustre personaxe, que estará dispoñible ata o 18 de outubro no Arquivo da Deputación.
Manuel Ventura Figueroa, ilustre persoeiro do século XVIII, santiagués de modesto nacemento que desenvolveu duramente unha brillante carreira chegando a ocupar cargos eclesiásticos e políticos, mesmo converténdose en home de confianza do rei Carlos III, foi gobernador do Consello e da Cámara de Castela e desempeñou un importante papel na política española do momento.
Foi unha figura que transcendeu pola súa última vontade, a creación da Fundación Manuel Ventura Figueroa, que fixo posible que a súa familia e os seus descendentes cursasen estudos e obtivesen dotes. No seu testamento deixou claramente explicado como debían organizar unha fundación que, co seu capital, lles debía dar estudos e dote para o casamento e para vestir os hábitos a todos os seus parentes pobres.
Tiñan prioridade as orfas, e se era posible tamén se repartiría entre os máis desfavorecidos, aínda que non fosen parentes, das parroquias dos seus avós, San Vicente de Vigo, Santa María de Xanza, San Pedro de Tenorio e Santiago de Viascón.
A Fundación
Trátase da entidade máis antiga de España, hoxe aínda activa baixo a supervisión da Xunta de Galicia e nexo de unión entre os seus descendentes, que se fan chamar figueroístas, entre os que se encontran Montero Ríos, Bouza Brey, Álvaro Cunqueiro ou Aquilino Lois.
Aínda que a maior parte do fondo documental desta fundación se atopa no Arquivo da Universidade de Santiago de Compostela o Museo de Pontevedra posúe una pequena parte, entre a que destacan as árbores xenealóxicas do único clan galego que as ten completas desde mediados do século XVII.
A este fondo pertence tamén a documentación relacionada coa fundación entregada por Fernando Piñeiro de la Torre en 2010 en calidade de depósito ó Museo, parte da cal se expón na sala; destacan precisamente estas árbores xenealóxicas dos parentes e beneficiarios de Ventura Figueroa.
A exposición tamén conta cun libro que contén a escritura da entidade, do ano 1784, que inclúe a copia do testamento e actas de 1786 a 1885, ademais dun documento das árbores xenealóxicas realizadas en 1882 e doado a mediados do século XX por Marcial Beade.











