Amplíase ata finais de setembro a mostra “La Ría de Vigo, en imágenes” na Fundación Pública Galega Camilo José Cela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPadrón
A-
A+

A Fundación Pública Galega Camilo José Cela xunto co Concello de Padrón decidiron ampliar a exposición que se atopa na sede de Iria Flavia -“La Ría de Vigo, en Imágenes”- ata finais deste mes de setembro.

A mostra, que reúne 38 imaxes en cor e branco e negro tomadas polo fotógrafo padronés Germán Cruces Rajoán ó longo da Ría de Vigo, entre o Cabo Home (Cangas) e Cabo SIlleiro (Baiona), ofrece unha mirada caracterizadora da paisaxe marítima viguesa diúrna e nocturna. Estas obras constitúen unha selección das 278 fotografías do artista recollidas no libro “A Ría de Vigo en Fotografías“, editado pola Deputación de Pontevedra no ano 2011, organismo que tamén colabora nesta exposición.

Xunto coa escolma de imaxes expóñense diversas referencias documentais e gráficas de Camilo José Cela e os seus vínculos coa Ría de Vigo. Entre elas, destacan os manuscritos das súas memorias ou fotografías con escritores e intelectuais na cidade viguesa, ademais de edicións e revistas vinculadas coa cidade olívica.

A colección, que abriu as súas portas ao público o pasado mes de xullo, poderá seguir visitándose na sala de exposicións temporais da sede da Fundación Pública Galega Camilo José Cela (Santa María, 22 – Iria Flavia) en horario de mañá luns a venres de 10:00 a 14:00 horas.

12 de setembro de 2013 | 20:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.