479 empresas xa se inscribiron no plan de práctica laboral da Deputación de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraProvincias
A-
A+

479 empresas do sector privado solicitaron participar no I Plan da Deputación de Pontevedra para que 400 titulados universitarios, ou cun Ciclo Superior de FP, menores de 35 anos, poidan realizar, durante un ano, prácticas laborais en empresas do sector privado da provincia, coa posibilidade continuar nese posto laboral.

As empresas demandaron un total de 1010 bolseiros de 170 titulacións superiores ou cun ciclo formativo ou superior de FP; o Plan da Deputación prevé a contratación de 400 persoas que, ó final, poderían chegar a 500.

As empresas que solicitaron participar no Plan para contar cun ou varios bolseiros son de Vigo (186), Pontevedra (98), O Salnés (62), Deza (53), O Morrazo (29), Caldas (16), Tabeirós-Terra de Montes (12), O Condado (11), O Baixo Miño (9) e A Paradanta (2).

Sectores e tipos de empresas

As empresas pertencen ós seguintes sectores: deseño, impresión e artes gráficas; laboratorios, centros médicos e de asistencia; asociacións de servizos sociais (discapacidade, xeriátricos, garderías, colexios); consultoría de empresas (xurídicas, de enxeñería, xestorías, colexios oficiais); empresas varias coma conserveiras, comercializadoras de produtos, cooperativas, empresas téxtiles, de renovables…; asociacións empresariais coma industriais, comerciantes, de turismo, de autónomos, pemes, comunidades de montes…; centros de ocio e lecer deportivos, socioculturais, de recreo; talleres do automóbil, de pedra e granito, frigoríficos, de mobles, de xardinería; axencias de viaxes, hoteis, restaurantes, cafeterías, panaderías; e comercios de decoración, xoiería, óptica, fotografía.

Titulacións máis demandadas

As titulacións máis demandadas pertencen a 170 especialidades. As máis solicitadas son Administración de empresas (105), Administración e finanzas de FP (97), Xestión comercial e Marketing (54), Relacións laborais (29), Licenciatura en Económicas (25), Informática (22), Psicoloxía (20), Diplomatura en Empresariais (18), Dereito (18), Xornalismo (12), Arquitectura (11) ou Ciclo Superior de Secretariado (11).

Por áreas, esas titulacións corresponden a: Administración de empresas (26%), Enxeñería (9,11%), Comercio e Marketing (8,7%), Informática (8,1%), Servizos socioculturais á comunidade (8,7%), Educación (6,2%), Hostalería e Turismo (4,4%), Arquitectura (3,8%), Comunicación (3,47%), Xurídica (2,77%), etc.

Dos 1010 bolseiros que demandan as empresas 421 son titulados universitarios (295 licenciados, 75 enxeñeiros, 40 graduados e 11 arquitectos); 392 contan cun Ciclo Formativo ou Superior de FP; e 179 son titulados de Grao Medio ou Diplomado (126 diplomados, 42 enxeñeiros técnicos e 11 arquitectos técnicos).

Procesos de selección de entidades e bolseiros

No proceso de selección das empresas que se verán beneficiadas pola presenza dun bolseiro durante un ano intervirá unha Comisión de valoración das solicitudes (formada por unha deputada delegada, a xefa de Recursos Humanos, a xefa de Turismo, o asesor xurídico da CEP, un profesor da UVigo e un técnico de desenvolvemento local), que terá en conta o proxecto de práctica laboral (cun máximo de 5 puntos), o deseño de itinerarios alternativos de inserción (cun máximo de 4 puntos) e outras melloras (cun máximo de 1 punto).

Na selección dos bolseiros primeiro concretaranse as titulacións coas empresas, logo aprobaranse as bases para seleccionar por títulos (requisitos para participar, empresas destinatarias, condicións das bolsas) e, finalmente, publicarase a convocatoria das bolsas no BOPPO.

Con este Plan a Deputación de Pontevedra busca estimular a contratación dos mozos formados e facilitarlles ás empresas o seu coñecemento para que poidan integrarse no mercado laboral.

“Unha oportunidade”, segundo Louzán

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, dixo hoxe en rolda de prensa que esta iniciativa “é unha oportunidade” para que 500 mozos titulados poidan traballar durante un ano e optar a unha contratación máis longa.

Segundo el, “no mundo de hoxe é fundamental a cooperación entre os axentes públicos e os privados, sobre todo no ámbito local ou provincial, pois aí se decide a competitividade, se optimizan as sinerxías e hai unha interrelación entre a produtividade, a sostibilidade e a cohesión social”.

A política de emprego da Deputación

Louzán lembrou que a Deputación inviste este ano 20 millóns de euros para contratar desempregados e ofrecerlle as primeiras oportunidades laborais a un total de 4000 persoas.

“Somos, sen dúbida, a entidade da provincia que máis está a posibilitar a inserción laboral dos traballadores”, dixo. E lembrou que 500 bolseiros están a traballar, por primeira vez, nos concellos da provincia; 800 operarios serán distribuídos en 60 concellos; outros 150 traballan en virtude de convenios coa Xunta; e agora estes 400-500 mozos veñen sumarse a esta iniciativa”, asegurou.

A maiores, a Deputación xera a contratación que se deriva das 250 empresas (1600 traballadores máis ou menos) que desenvolven obras do PID 2012-2013.

25 de setembro de 2013 | 13:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.