Louzán agradece aos cidadáns a súa participación na “Vuelta” ciclista
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, agradeceu hoxe a activa colaboración e multitudinaria participación dos cidadáns das Rías Baixas, e de toda a provincia, nas catro etapas que a Volta a España 2013 desenvolveu en Pontevedra. “Sen eles, non sería posible nin a brillantez nin o éxito acadado”, dixo.
A gran cantidade de xente que se congregou nas rúas e estradas foi fundamental para mostrar nos 180 países que emitiron as imaxes da Volta “a beleza das nosas rías, a hospitalidade da nosa xente e os nosos grandes recursos e potencialidades”.
“Non é o mesmo que as imaxes recollan lugares desertos que localidades dinámicas, vivas e prósperas”, dixo. Por iso, a gran presenza de xente no paso da Volta por vilas, aldeas e cidades contribuíu decisivamente a proxectar as Rías Baixas como “o mellor escaparate de Galicia e o seu máis óptimo embaixador no mundo”.
O presidente da Deputación de Pontevedra expresou tamén as desculpas polas posibles molestias ocasionadas polo paso da carreira.











