Continúan a bo ritmo as obras de demolición do último andar do edificio anexo ao Pazo da Marquesa de San Sadurniño
O antigo colexio das monxas de San Sadurniño vai perdendo altura pouco a pouco. En cinco días a empresa encargada dos traballos eliminou case por completo o último andar do edificio e del só quedan as partes correspondentes aos ocos das escaleiras este e leste. Este xoves tamén se demoleu o campanario. Porén, antes retirouse con coidado a campá que se integrará no conxunto arquitectónico do pazo como un elemento histórico e decorativo.
A campá é un dos poucos obxectos que aínda quedan da antiga capela do pazo que se encontraba fronte ao edificio principal na outra banda da estrada. A capela e a ala leste do pazo -desde a torre até a queixaría- tiráronse abaixo hai máis de medio século. Só se volveu erguer o edificio anexo con materiais novos e unha arquitectura distinta culminada por unha cruz de formigón e un sinxelo campanario no que se colocou a campá procedente da capela.
A mesma máquina que traballa na demolición do edificio encargouse no mediodía deste xoves de baixar a campá a ras do chan. Aínda non está decidida a súa situación definitiva, pero o Concello quere que pase formar parte da dotación do pazo como testemuño da historia municipal.
Unha historia que aparece reflectida en parte na web falamedesansadurnino.org, onde nas últimas semanas varios veciños e veciñas foron subindo imaxes e sonidos descritivos sobre a capela, a súa demolición ou o inicio das obras do colexio das monxas.
Parte da demolición faise á man
Os traballos continúan no edificio deseñado por Rodolfo Ucha e edificado a finais dos anos 60 do século pasado. A demolición propiamente dita comezou este luns e en tan só cinco días case se eliminou por completo o segundo andar do edificio. Grande parte do labor faise cunha grande escavadora. Aínda así os operarios terán que botar man da mandarria para desfacer a parte alta do oco das escaleiras para non danar os andares inferiores.
Un traballo que parece bruto desde fóra pero que require técnica e minuciosidade. De feito foi necesario protexer partes do edificio como as soleiras de canteiría das fiestras, que se van conservar na rehabilitación posterior.
Agárdase que as obras tomen carreira durante o mes de agosto e que o edificio quede listo para finais de setembro.











