Comeza a rehabilitación e ampliación do Club de piragüismo As Torres, no concello de Catoira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCatoiraDeportesLocalPontevedraProvincias
A-
A+

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, visitou hoxe as instalacións do Club de piragüismo As Torres, do concello de Catoira, para comprobar o inicio das obras de rehabilitación e ampliación das súas dependencias.

As actuacións proxectadas, cun orzamento de 378.812 euros, inclúen a remodelación completa da planta baixa e a construción dun novo local para ampliar as instalacións e dotalas de vestiarios.

Así, procederase á demolición de engadidos, limpeza de fachadas e reparación de carpintería exterior; instalación dunha nova soleira illada sobre a existente e igualación de niveis, así como á creación de entradas e saídas de emerxencia. Na zona destinada a almacén de embarcacións modificaranse as escaleiras que conducen á oficina e procederase a facer unha pequena ampliación e forrado de fachadas.

Por último, construirase un novo local no que estarán os vestiarios.

Unha vez completada a remodelación, o inmoble quedará dotado dun vestíbulo que dá acceso ás oficinas; un corredor de vestiarios; un cuarto de instalacións, limpeza e taquillas; un ximnasio e sala de kaiakergómetros; unha escaleira de acceso ó andar superior e un almacén de embarcacións. No primeiro andar situaranse as oficinas do club.

Ateneo Vikingo

Posteriormente, o presidente da Deputación reuniuse tamén con membros de Ateneo Vikingo, que preside Miguel Arriaga, e desprazouse ata a zona das Torres do Oeste para coñecer como quedou o galeón Úrsula tras a colocación da nova vela, que foi adquirida cunha achega económica da Deputación de 5.000 euros.

O galeón estreou a súa nova vela na romaría vikinga celebrada a pasada fin de semana, unha celebración que inclúe un desembarco no que participan dúas embarcacións do municipio e o citado galeón, do Ateneo Vikingo.

8 de agosto de 2013 | 16:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.