Un cento de persoas participaron na charla-coloquio sobre as verteduras de lodos industriais en San Sadurniño
A convocatoria lanzada polo Concello para falar do impacto no ambiente da lama industrial foi todo un éxito. Preto de 100 persoas asistiron ao coloquio no que participaron membros da Sociedade Galega de Historia Natural, de ADEGA e tamén a parlamentaria do BNG Ana Pontón. A principal conclusión á que se chegou é a de que as verteduras de lodos na comarca están máis preto do delicto ecolóxico que da pretendida rexeneración do chan con material fertilizante.
Os tecnosolos son o resultado final dun proceso no que se empregan lodos industriais -procedentes maiormente da industria alimentaria- coma se fosen esterco para a terra. A técnica coñécese de vello e adoita empregarse para potenciar a rexeneración de canteiras, escombreiras e outros lugares onde, doutro xeito, a vida vexetal tardaría anos en volver aparecer. Mátanse dous paxaros dun tiro: recupérase ambientalmente -ata certo punto- unha zona degradada e, ao mesmo tempo, dáselle utilidade a un refugallo industrial.
O problema vén cando os lodos están cargados de metais pesados e outras substancias prexudiciais e, máis que nada, cando se estran por prados, montes e labradíos coma se fose xurro. Iso foi o que ocorreu en distintos puntos da comarca tal e como quedou patente na xuntanza-coloquio deste venres pasado á que acudiron case 100 veciños, moitos deles das Somozas e Sedes. Neste último punto, situado na aba do Monte dos Nenos, foi onde saltou a alarma mediática dun problema que xa ten anos pero ao que ata agora non se lle prestara demasiada atención.
Tanto en Sedes como en distintos lugares das Somozas, a empresa Xilo Galicia -especializada na recepción e procesado de residuos industriais “inertes e non perigosos”- realizou verteduras con autorización da Xunta baixo o paraugas de proxectos para tecnosolos. Porén os estudos levados a cabo tanto por ADEGA como pola Sociedade Galega de Historia Natural detectaron índices elevados de metais pesados, hidrocarburos e outras substancias perigosas nas áreas nas que se depositaron os lodos. E non só na terra, senón tamén na auga de ríos e mananciais próximos e moi por riba do que permite a lexislación.
Os técnicos láianse de que a Xunta non vixiase de preto este tipo de verteduras ocultas en proxectos de tecnosolos, moi prexudiciais para o ambiente e mesmo para a saúde. Pola súa banda, a parlamentaria nacionalista falou das iniciativas levadas a cabo polo seu partido en apoio ás reclamacións dos veciños e veciñas afectados. Pero tamén falou do labor de denuncia do BNG, que xa no 2011 preguntou no parlamento polas verteduras nas Somozas e nas Pontes levadas a cabo pola mesma empresa.
Os veciños e veciñas -sobre todo os do contorno de Sedes- manifestaron durante o coloquio que levan feito un importante traballo de presión ante as autoridades competentes para que non se repitan este tipo de verteduras ou, polo menos, que se supervisen adecuadamente para garantir que estean dentro da legalidade.











