San Sadurniño debate este venres os tecnosolos e as verteduras de lodos
Os tecnosolos veñen ser chans artificiais producidos a partir de residuos de distintas actividades industriais que, debidamente tratados, teñen un alto poder fertilizante. Porén, tamén poden ter un alto poder contaminante, sobre todo se non se procesan adecuadamente ou se se depositan en ecosistemas vulnerables, como pode ser preto de ríos e mananciais ou en contornos con especies vexetais e/ou animais sensibles. Para falar de tecnosolos e de verteduras de lodos o Concello organizou un coloquio informativo que se desenvolverá na casa da Cultura este venres a partir das 20.30 h.
Nos últimos meses esta actividade foi noticia debido á vertedura de materiais de dubidosa seguridade no Monte dos Nenos, en Narón -aínda que moi preto de San Sadurniño-, que provocaron fortes cheiros na zona e unha grande alarma social.
Finalmente a presión veciñal conseguiu que a Xunta obrigase á empresa Xilo Galicia -responsable da vertedura- a retirar o material, que mesmo chegou a contaminar traídas da auga. É o resultado de tentar facer pasar por tecnosolo o que en realidade son residuos contaminantes en forma de lama.
Para ver as diferencias e debater sobre a idoneidade e a seguridade dos chans artificiais, o Concello organizou un coloquio informativo no que participarán representantes de Adega, da Sociedade Galega de Historia Natural e de Verdegaia. Ademais tamén están convidados os alcaldes da comarca e incluso responsables de empresas especializadas neste tipo de materiais.
Os lodos procedentes da industria adoitan empregarse na rexeneración de terreos degradados. Iso si, antes hai que tratalos para que non leven compostos ou metais pesados que convirtan o remedio nunha nova enfermidade. O caso do Monte dos Nenos foi, por mediático, un dos máis coñecidos. Pero non é o único. Xilo Galicia traballou durante anos nos ribazos da mina de Endesa e mesmo na escombreira da térmica, que levaban a practica totalidade dos materias que procesaba.
Porén, o peche da mina e a súa conversión en lago e o remate dos traballos na escombreira das Pontes levaron á empresa a buscar novos destinos para os lodos. E xa non foron espazos que cumpría rexenerar, senón que se empregaron como depósitos incontrolados montes e praderías co argumento das magníficas propiedades fertilizantes das lamas industriais. E, efectivamente, os lodos fertilizan… pero tamén contaminan, tal e como asegura un estudo analítico realizado por Adega en varios puntos da comarca. O seu informe apunta que se produciu contaminación por metais pesados en acuíferos e terras de labradío e mesmo reclama que se investigue a comisión dun posible delicto ambiental.











