Pontecesures continúa co Ciclo Amal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPontecesures
A-
A+

O ciclo de Cine Euroárabe Amal 2013 continúa este venres en Pontecesures coa proxección de dúas películas, Por unha banda, “Rabat” (Holanda, 65’), que narra a historia de tres amigos que poñen rumbo a Marrocos desde Holanda para cumprir cun favor aparentemente sinxelo: entregar o taxi do pai de Nadir ó home que o mercou. Durante o camiño vivirán situacións inesperadas e encontros con persoas que marcarán as súas decisións. Rabat non só fala da amizade dos tres mozos, senón tamén do conflito entre os valores de modernidade e tradición que vive a poboación inmigrante nas sociedades occidentais. Por outra banda, “Eid” (Palestina, 9’), un documental onde Eid Suliman é un artesán do plástico que vive en Palestina baixo a ocupación israelí, onde se adica á fabricación de obxectos con pezas que os demais considerarían refugallo. A pesar de non contar coa aprobación da súa comunidade, conságrase con paciencia e paixón á construción de miniaturas, unha tarefa que lle fai ser optimista ante a situación de conflito que se vive nos territorios palestinos.

As proxeccións serán ás nove da noite no Centro Social.

17 de xullo de 2013 | 10:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.