Educación de persoas adultas en Pontecesures
O Programa de Educación de Persoas Adultas do Concello de Pontecesures en coordinación cos centros de ensinanza a distancia, obtivo nos exames da primeira convocatoria para a obtención do título de graduado en secundaria unha porcentaxe do 85% de titulacións ou superación de ámbitos/módulos.
O Programa de Educación de Persoas Adultas do Concello de Pontecesures aposta por un programa de formación educativa gratuíto, sendo un incentivo para elevar o nivel académico das persoas e a mellora da calidade educativa en xeral.
O título de graduado en secundaria é o título básico do sistema educativo español. Con el pódese acceder á formación profesional específica de grao medio ou aos estudos de bacharelato.
Para as persoas adultas, este título é un obxectivo importante desde o punto de vista da súa mellora e do seu perfeccionamento persoal, e tamén desde o punto de vista das posibilidades de conseguir un emprego. Entre outras cousas, é condición indispensable para acceder a moitos postos de traballo convocados polas administracións públicas.
As persoas interesadas poden conseguir este título optando por presentarse ás probas libres na segunda convocatoria de setembro, sendo o prazo de matrícula do 1 ao 8 de xullo.
Para máis información, os interesados poden acudir aos Servizos Sociais do Concello de Pontecesures.











