Rematan as obras de restauración do Hospital de Peregrinos de Montemaior

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+

A completa restauración do antigo hospital dos peregrinos de Montemaior, situado fronte á capela de Santa Margarida, xa é unha realidade e os veciños da zona dispoñen agora dun local de titularidade municipal que se destinará a usos sociais e culturais considerados de interese xeral. Foron creados, ademais, dous aseos públicos, adaptados para persoas con discapacidade, que estarán abertos nas xornadas de maior afluencia de xente a este lugar.

Tal e como tiña previsto o Concello da Laracha, as obras remataron antes da chegada do verán e, por tanto, tamén os peregrinos que se acheguen durante a famosa e concorrida Romaría de Santa Margarita, que se celebra o 20 de xullo, poderán beneficiarse das melloras realizadas no histórico edificio.

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, e Jesús Souto, edil responsable da área de obras, visitaron esta mañá o hospital dos peregrinos –desde xa, o novo centro sociocultural de Santa Margarida- acompañados por David Barreiro, director da actuación realizada, e Olimpia Puente, integrante da asociación cultural de Montemaior, para comprobar o resultado da execución do proxecto.

Durante os últimos meses realizouse unha completa restauración das paredes de pedra, colocouse un novo solo, acometeuse unha nova división das estancias interiores, creáronse os aseos e as conexións de fontanería e renováronse as ventás, a carpintería e a instalación eléctrica.

Esta foi a segunda fase da actuación, cuxo orzamento ascendeu a 40.000 euros, cofinanciados entre o Concello da Laracha e a Deputación Provincial da Coruña. Deste xeito complementouse a primeira fase da actuación, acometida no ano pasado, que consistiu na renovación da cuberta e a restauración das paredes exteriores, así como certos traballos de carpintería e fontanería no interior do inmoble.

A rehabilitación do antigo hospital dos peregrinos de Montemaior foi posible grazas ao convenio de colaboración entre o propio Concello da Laracha e o Arcebispado de Santiago de Compostela, de similares características aos que posibilitaron recuperar e dar novos usos durante os últimos anos a elementos do patrimonio histórico municipal como as casas reitorais de Golmar e de Caión.

17 de xuño de 2013 | 20:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.