Pontevedra, Lalín, Gondomar, Cambados e Vigo acollen estes encontros e obradoiros que gozan de prestixio e calidade
A Deputación de Pontevedra e a Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) ofrecen este verán cinco cursos diferentes en concellos da provincia de Pontevedra. As actividades desenvolveranse en diversos eidos temáticos ampliando a oferta cultural e formativa dos interesados.
O obradoiro sobre “Animación cinematográfica Stop Motion” con obxectos e plastilina abrirá o ciclo de actividades no Museo de Pontevedra. Trátase dunha nova edición que se realizará entre o 1 e o 5 de xullo co obxectivo de iniciar os alumnos no proceso de rodaxe fotograma a fotograma e que os alumnos produzan a súa propia peza. Baixo a dirección de Virginia Curiá e Tomás Conde (de Algarabía Animación) os participantes achegaranse a un dos sectores punteiros de Galicia como é o da animación.
A programación de xullo ofrecerá dous cursos. O primeiro terá lugar entre o 2 e o 4 de xullo no Pazo provincial da Deputación; un encontro sobre a xestión sostible dos residuos urbanos, beneficios ambientais, económicos e sociais que tentará trasladar pautas de concienciación social para a xestión dos desfeitos urbanos da man do presidente da Sociedade Galega de Medio Ambiente (SOGAMA), Luís Lamas Novo.
A seguinte cita desenvolverase o 9 e 10 de xullo no Museo Etnográfico e do Viño de Cambados. O encontro “Etnografía e antropoloxía. Costumes e tradicións cambadesas” profundará na historia e raíces da vila a través da intervención de diversos profesores e visitas guiadas.
En setembro, do 23 ó 25, o encontro “Alta velocidade ferroviaria en Galicia” achegará no Museo do Mar de Vigo as consecuencias da implantación da alta velocidade en Galicia a profesionais da xeografía, arquitectura, economía e enxeñería.
En Lalín terá lugar o encontro “A terra en Galicia. Pasado, presente e futuro”, do 30 de setembro ó 2 de outubro; En Gondomar, do 3 ó 5 de outubro, “A explotación multifuncional do monte; contribución ó desenvolvemento rural”. Ambos os dous abordarán a temática sobre a sociedade rural galega, dinámicas produtivas, sociais e políticas.
A través destes cursos da UIMP, a Deputación de Pontevedra pon de manifesto os seus esforzos por achegar alternativas de formación e cultura, como elementos tanto de dinamización social coma turística, para profesionais ou universitarios interesados na participación.











