O Concello requirirá aos propietarios de terreos nos núcleos urbanos para acometer a súa limpeza
O Concello da Laracha comezará nos próximos días a notificar individualmente a todos os propietarios de terreos e solares situados nos núcleos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión e que non se atopen en óptimas condicións de conservación, hixiene, salubridade e ornato público, a obrigatoriedade de acometer a súa limpeza e mantemento.
Durante as últimas semanas desde o Concello da Laracha realizouse unha campaña informativa, como todos os anos nas semanas previas á chegada do verán, para evitar a creación de focos de maleza en fincas ou solares privados que se atopen en estado de abandono ou en condicións que non se axusten ao establecido na lexislación vixente.
Unha vez superado o prazo para levar a cabo ditas actuacións, nos requirimentos que se enviarán por correo ordinario aos titulares dos solares que non cumpran a normativa, infórmase de que, de persistir a situación, o Concello da Laracha realizará subsidiariamente as actuacións oportunas, debendo o propietario asumir os seus custes.











