O Concello presenta á Xunta un novo proxecto para mellorar o recinto feiral de Paiosaco
A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha acordou, na reunión ordinaria celebrada hoxe, solicitar a participación na convocatoria de subvencións da Consellería de Economía e Industria (cofinanciadas polo Feder) para revitalizar o comercio de proximidade e potenciar unha rede galega de mercados de abastos, presentado un proxecto de mellora do recinto feiral de Paiosaco.
A actuación deseñada polo Concello da Laracha, que está valorada en 41.000 euros, ten por obxecto mellorar a seguridade viaria e facilitar o desenvolvemento da actividade que neste lugar se desenvolve, con altísima afluencia de público, no primeiro e terceiro domingo de cada mes.
Contémplanse tres actuacións diferenciadas e complementarias. Por unha parte, a construción de novas beirarrúas nas rúas das Cereixas e dos Oleiros. En segundo lugar, será renovado o pavimento en determinados puntos da rede viaria pública que forman parte do ámbito do recinto feiral. E, por último, realizarase o novo pintado dos case cincocentos postos de venda existentes.
A feira de Paiosaco, a tenor dos datos quincenais de afluencia, é unha das máis famosas e importantes da provincia da Coruña, un éxito baseado na estratéxica situación do campo da feira, os máis de 26.000 metros cadrados de superficie do recinto e as excelentes condicións do espazo e os servizos anexos (aparcamento público, beirarrúas, estado do firme, etc.).
Proxecto común con Carballo para mellorar accesos ao parque empresarial
Nesta reunión do goberno local deuse luz verde ao proxecto en común co municipio de Carballo dirixido a mellorar os accesos cara o parque empresarial da Laracha renovando a estrada que dirixe desde A Xesteira (A Laracha) ata Castelo (Carballo).
Tras este trámite administrativo, a actuación deseñada por ambos municipios, valorada nun total de 229.000 euros, opta a percibir ata un máximo de 180.000 euros da Consellería de Economía ao abeiro da convocatoria de axudas encamiñadas á habilitación e mellora das infraestruturas dos parques empresariais galegos
Redución do abandono escolar
Outro dos asuntos tratados foi solicitar a participación no programa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dirixido á redución do abandono escolar por parte dos mozos.
O Concello da Laracha acude a esta liña de axudas para financiar diferentes actividades coas que se reforzará a educación dos rapaces en materias como a aprendizaxe de linguas estranxeiras, uso das novas tecnoloxías, mellora das habilidades de comunicación e, entre outras, o fomento do deporte e da actividade física. Ademais, proponse a realización de actividades durante as vacacións, como a posta en marcha dunha aula de verán e de campamentos.
Tamén se contempla o desenvolvemento de programas de segunda oportunidade orientados á reincorporación dos mozos que abandonaron os seus estudos (curso intensivo de graduado en ESO, xornadas de orientación profesional e promoción do emprendemento).
Deste xeito potenciarase o esforzo compartido de toda a comunidade educativa do municipio para procurar o éxito escolar do alumnado e a diminución do impacto dos factores que inciden no abandono escolar sen acceder a titulación de ensinanza secundaria obrigatoria.
Licencias urbanísticas
Por último, salientar que se concederon sete licencias urbanísticas para obras maiores, das cales unha corresponde á construción dunha vivenda unifamiliar, e outras once para actuacións de entidade considerada menor.











