O Concello lembrará aos comerciantes as normas a cumprir no recinto feiral de Paiosaco

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+

O Concello da Laracha entregará mañá domingo, durante o desenvolvemento da feira quincenal da localidade de Paiosaco, unha comunicación a todos os comerciantes lembrándolles a obriga de que todos os titulares das autorizacións deben manter o ornato público e a limpeza dos postos de venda e da súa zona circundante, así como depositar o lixo nos lugares habilitados para tal fin.

Tamén se lles recordará que deben cumprir as instrucións particulares do bo goberno e atender ás normas de orde e ás indicacións dos axentes da Policía Local.

O incumprimento desas obrigas constitúen infraccións que poderían ser sancionadas de conformidade co Regulamento Municipal de venda ambulante e produtos do campo, que establece multas dunha contía mínima de 90 euros para faltas leves e máxima de 1.500 euros para faltas moi graves, incluíndo nestes casos a posibilidade de revogación da autorización para a venda ambulante.

O Concello da Laracha recordará o obrigatorio cumprimento destas obrigas para mellorar a actividade que se desenvolve no primeiro e no terceiro domingo de cada mes en Paiosaco nunha das feiras de maior prestixio e afluencia da provincia da Coruña.

1 de xuño de 2013 | 12:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.