O Concello inicia a campaña de desbroce nas parroquias de Caión, Lendo, Soandres e Vilaño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+

O Concello da Laracha comezou a desenvolver a campaña de desbroce nas estradas de titularidade municipal. Durante os próximos meses realizaranse as actuacións oportunas para eliminar a vexetación herbácea e a maleza que foi crecendo nas cunetas e marxes das vías, co que se facilitará o tránsito dos vehículos, previranse riscos de incendios e, ademais, será mellorada a estética nas carreteiras do Concello.

Do mesmo xeito que en anos anteriores, a campaña de desbroce afectará a todas as estradas, vías, camiños e pistas asfaltadas que existen no municipio. A previsión é superar as cifras do ano pasado, no que foron acondicionados máis de cincocentos quilómetros lineais.

O programa de actuacións desenvolverase en varias fases ao longo de todo o verán. A primeira delas xa está en marcha e contempla accións en zonas consideradas como prioritarias xa que, polas súas especiais características ou por albergar eventos de interese xeral, se agarda unha notable afluencia de persoas. É o caso de Caión, Soandres, Lendo e Vilaño.

En etapas posteriores traballarase no resto das parroquias, prestando especial atención aos núcleos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión.

Cabe lembrar que, ademais desta campaña, existe un convenio de colaboración entre o Concello da Laracha e a Consellería de Medio Rural e do Mar para acometer, ao longo de todo o ano, desbroces e mantementos en pistas forestais de titularidade municipal, especialmente nas parroquias de Soandres e de Montemaior. Ditas actuacións son xestionadas directamente desde a Xunta de Galicia.

10 de xuño de 2013 | 19:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.