En marcha as obras do POS e DTC 94

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+

As obras que se cofinanciarán con cargo aos plans convocados pola Deputación Provincial da Coruña (POS e DTC 94) xa están en marcha.

Entre ambos programas investiranse en actuacións dirixidas á renovación da rede viaria municipal e á mellora de redes de abastecemento e saneamento de auga un total de 375.000 euros.

Con fondos do Plan DTC 94 será renovada a capa de rodadura en estradas dos núcleos de Cardois (parroquia de Cabovilaño), Taberna Nova e Penso (Coiro), Sabaceda e Cumiáns (Montemaior), Portela, A Pereira e Vilar (Erboedo), Campo da Porta (Lendo), A Ferradura (Soandres) e As Cardosas (Soutullo). Ademais, a mellora da rede de abastecemento de auga afectará aos lugares de A Ferraría (Coiro), A Fonteseca e A Pedra (Golmar) e Campo da Porta e Lista (Lendo).

As actuacións que se financiarán con cargo ao POS corresponden á mellora de rede viaria municipal en estradas municipais da parroquia de Caión (O Outeiro, Goxán e acceso a Cimadevila), Coiro (Riba, Riba-A Ferraría, Riba-A Lourenceira, acceso a A Ferrulleira, Morgade e Casal do Monte-O Cruceiro), Lemaio (A Fontaíña do Medio, Proame-Oldán e Oldán-enlace coa estrada AC-552), Vilaño (A Ribela e Marfulo), Cabovilaño (A Teixoeira) e Torás (A Barreira-Riotorto e Gabenlle-Guilfoi). Ademais, crearanse as redes de saneamento para dar servizo ao tramo desde O Rapadoiro e Coirón (parroquia de Coiro) e aos núcleos de O Retorno (Lendo) e O Igrexario da parroquia de Soutullo.

Estradas casco urbano da Laracha

Por outra banda está previsto que na próxima semana, se as condicións climatolóxicas o permiten, se completen as obras de mellora do pavimento en rúas do casco urbano da capital municipal da Laracha.

As únicas actuacións que restan por acometerse afectan ás rúas Rosalía de Castro, Josefa Suárez Gesto e Lino Gómez Canedo.

O proxecto, que financia integramente o Concello da Laracha con fondos propios municipais, completarase coa correspondente sinalización horizontal e vertical, sendo estes un traballos que tamén se acometerán nos núcleos urbanos de Caión e Paiosaco e que xa se realizaron no Igrexario da parroquia de Cabovilaño.

8 de xuño de 2013 | 13:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.