As oficinas de asesoramento legal a afectados por preferentes atenderon no seu primeiro día a máis de 100 usuarios
As oficinas de asesoramento legal para afectados por preferentes postas en marcha hoxe pola Deputación Provincial de Pontevedra e a Unión de Consumidores de Galicia recibiron neste primeiro día de funcionamento un total de 108 consultas.
A elevada demanda de información e asesoría legal foi tal que, en varias das oficinas abertas nas diferentes comarcas, os expertos que atenden de forma individual a cada usuario concertaron xa citas para os vindeiros dous días.
A maioría dos que acudiron a estes puntos de asistencia xurídica fixérono interesados pola súa situación concreta tras a quita, debido á desconfianza que lles xeran as cifras que a entidade financeira facilita.
Outro dos motivos que máis consultas orixinou foi a dúbida sobre se unha vez que os afectados acoden ó Fondo de Garantía para darlles liquidez ás súas accións tras o troco, péchase ou non a vía xudicial, así como as posibilidades do usuario de recuperar os seus cartos pola vía da arbitraxe.
Documentación precisa
Todas as consultas foron atendidas con todo detalle, pero neste primeiro día de funcionamento foron moitas as persoas que acordaron xa cita para próximas xornadas co obxectivo de acudir á oficina con toda a documentación que permita afondar en cada caso concreto.
Neste sentido, e dado que estas oficinas ofrecen asesoramento individualizado baseado no estudo detallado de cada caso, é recomendable, para evitar ter que acudir dúas veces á oficina, que os usuarios acudan a elas con documentación relativa á contratación das preferentes ou subordinadas, como pode ser, en caso de que lle fosen facilitados:
– Contrato de depósito e administración de valores
– Orde ou ordes de subscrición de participacións preferentes e/ou obrigacións subordinadas
– Documentación ou informe sobre a rendibilidade do produto
– Cuestionarios Mifid, conveniencia e/ou idoneidade
– Información precontractual (folleto, tríptico, etc.)
– Ordes de venda dos produtos
– Calquera outro documento relacionado coa contratación das preferentes e subordinadas e que fose asinado polo solicitante con anterioridade ou posterioridade á data de contratación.
Ademais, aquelas persoas que precisen asesoramento en relación ó proceso de quita, troco ou mecanismo de liquidez, deberán achegar o documento entregado polo banco para expresar a opción entre depósito ou accións, para os titulares de obrigas subordinadas con vencemento e o formulario do banco para a venda de accións ó Fondo de Garantía de Depósitos.
Consultas por zonas
A oficina que recibiu un maior número de consultas foi a situada na sede da Deputación en Pontevedra, onde esta mañá foron atendidos un total de 17 casos. Isto foi posible debido a que, ante o elevado número de solicitantes, o punto de información mantívose aberto hora e media máis do previsto.
Un número moi similar foron atendidos na oficina da Estrada, con 16 usuarios, mentres que en Lalín foron 12 as persoas que acudiron en busca de asesoramento legal neste primeiro día.
En Ponteareas atendéronse un total de 14 usuarios ó longo da mañá, mentres que en Cangas, Vigo e Redondela foron 11 consultas as atendidas en cada unha.
En Tui só se puideron atender 7 persoas, debido a que en todos os casos se requiriu dunha atención moi pormenorizada, cunha dedicación mínima de media hora por persoa.











