A Xunta completará o trazado das beirarrúas da avenida Fisterra no casco urbano da Laracha
A delegada da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Belén do Campo, e o xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Antonio Álvarez, mantiveron hoxe unha xuntanza na Laracha cos membros do grupo de goberno local, encabezados polo alcalde, José Manuel López Varela.
O motivo da visita foi anunciar a licitación, no día de hoxe, das obras de mellora da travesía da capital municipal, na que a Xunta de Galicia investirá 250.000 euros.
Este proxecto completará o trazado das beirarrúas ao longo da avenida Fisterra (estrada AC-552) no casco urbano da Laracha. Para iso será preciso actuar en dous tramos. Na saída cara Paiosaco, construiranse beirarrúas ata as últimas vivendas de Cillobre, por unha marxe desde o punto de confluencia coa rúa Santiago e, pola outra, desde a fonte. Na saída en dirección Carballo, completarase, por ambas marxes, o tramo que resta ata o cruce coa rúa Eusebio Bértoa Queijo.
Ditos tramos teñen unha lonxitude de 305 e 330 metros respectivamente. Por tanto, e ao afectar a ambas marxes da estrada, a distancia total de novas beirarrúas que se construirán é duns 1.270 metros.
A actuación contempla, ademais, a nova pavimentación de determinados puntos da calzada para mellorar as condicións da superficie de rodadura dos vehículos, a correspondente sinalización e a instalación dunha nova rede de iluminación pública.
Pola súa situación e características, a avenida Fisterra é a rúa máis transitada tanto por peóns como por vehículos no núcleo urbano da Laracha. O proxecto que desenvolverá e financiará integramente a Xunta de Galicia terá unha repercusión directa na mellora da seguridade viaria nestas zonas facilitando o tránsito a pé, xa que unha vez executado o proxecto poderase atravesar por completo o casco urbano da Laracha camiñando por beirarrúas e haberá máis áreas sinalizadas para o aparcamento de vehículos supoñendo, por tanto, un evidente beneficio para o sector comercial da localidade.











