A mellora da estrada AC-523 licitada pola Xunta afectará á larachesa parroquia de Soandres
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación do proxecto dirixido a reforzar o firme das estradas Ordes- Lanzá (AC-524) e Meirama- Culleredo (AC-523) e a reposición da sinalización vertical e defensas nun treito da estrada A Coruña – Cee (AC-552).
Unha das actuacións que contempla o proxecto, concretamente a mellora da estrada AC-523, afecta ao termo municipal da Laracha nuns 580 metros de lonxitude desta vía nos que se acometerá a mellora do firme co obxecto de favorecer a seguridade dos vehículos que circulan por esta carreteira.
A actuación na Laracha cobra especial importancia para Soandres, dado que a estrada AC-523 vertebra as comunicacións na zona sur desta parroquia, sendo a principal vía de acceso cara os núcleos de poboación de O Corgo, Mantiñán, A Cerqueira, Vilar da Fraga e Vista Alegre.
O investimento total da Xunta de Galicia na mellora destas tres estradas ascende aos 495.000 euros do importe máximo de licitación publicado hoxe no DOG. Outros municipios afectados por estes proxectos son os de Culleredo, Cerceda, Arteixo, Mesía, Frades e Ordes.
Esta é a segunda actuación licitada pola Xunta de Galicia nesta semana que afecta ao Concello da Laracha. A outra, presentada pola delegada provincial Belén do Campo o pasado martes, trátase da construción das beirarrúas que completarán a travesía da Avenida Fisterra no casco urbano da capital municipal.











