395 persoas aspiran ás dúas prazas de auxiliar administrativo convocadas polo Concello da Laracha
O Concello da Laracha fará públicas a próxima semana as listas provisionais de persoas admitidas e excluídas na oposición libre a través da que se cubrirán, en propiedade, dúas prazas de funcionarios de carreira da subescala auxiliar administrativo.
Unha vez publicado o anuncio, abrirase un prazo de dez días para que as persoas excluídas poidan reclamar ou corrixir as deficiencias sinaladas antes de pechar a lista de aspirantes de xeito definitivo.
Foron en total 395 persoas as que presentaron a súa instancia para concorrer ao proceso selectivo, polo que se agardan unhas alta cifras de participación nos exercicios.
As datas de celebración das probas aínda están por determinar. Tal e como establecen as bases da convocatoria (publicadas no BOP nº 166 do 31 de agosto de 2012), a oposición constará de tres exercicios, sendo o primeiro unha proba tipo test; o segundo, o desenvolvemento por escrito dun exemplo práctico; o terceiro, dúas probas informáticas sobre o uso do paquete Office 2007; e, o cuarto, a proba de coñecemento da lingua galega (da que estarán exentos os aspirantes que acrediten estar en posesión do certificado Celga 3).
Estas prazas convocadas polo Concello da Laracha están incluídas na relación de postos de traballo (RPT) e son, por tanto, consideradas necesarias para o óptimo desenvolvemento das labores administrativas nas oficinas xerais municipais.











